Isaac Gómez Sánchez, máis coñecido como Isi Gómez (Madrid, 28 de outubro de 1995), convértese en novo xogador do RC Deportivo para a Temporada 2022-2023 procedente do CD Badajoz.
Isi Gómez formouse na canteira do Rayo Vallecano, onde fixo historia no curso 2012-13, ao converterse no xogador máis novo en debutar coa camiseta franxivermella, cando saltou ao campo en substitución de Chori Domínguez no minuto 83 do partido de Primeira División no Camp Nou fronte ao FC Barcelona o 17 de marzo de 2013. Isi Gómez tiña 17 anos e 140 días.
No verán de 2016, o centrocampista madrileño saíu do club vallecano para incorporarse ao CF Fuenlabrada, co que chegou a disputar o playoff de ascenso a Segunda. O verán seguinte fichou polo Granada CF, club no que xogou tres campañas no seu filial. As dúas últimas temporadas, Isi Gómez militou nas filas da UD Melilla (2020-21) e o CD Badajoz (2021-22).
En sete campañas na categoría de bronce do fútbol nacional, Isi Gómez suma 159 encontros (126 como titular) e 4 goles.