- Guillermo Muñoz no seu debut oficial co Deportivo, en partido de Segunda División disputado o 28 de outubro de 1973 ante o Hércules (1-1) en Riazor -
O 24 de agosto de 1973, o chileno Guillermo Muñoz asinaba o seu contrato co RC Deportivo na sede social da Praza de Pontevedra. 'Hallulla', como era alcumado desde rapaz debido a que o seu pai elaboraba o pan branco dese nome típico de Chile, Bolivia e Ecuador, custoulle 250.000 dólares –uns 2,8 millóns de pesetas ao cambio da época– ao Dépor. Muñoz era un dianteiro ou interior zurdo de gran velocidade e potente disparo. Con todo, pasou á historia por outro motivo: foi a primeira fichaxe estranxeira do Club trala reapertura definitiva do mercado internacional no fútbol español.
A normativa na contratación de estranxeiros ha ir cambiando desde a instauración do profesionalismo no fútbol español en 1926. Inicialmente, os foráneos só podían actuar como amateurs. A primeira apertura de fronteiras produciuse de cara á temporada 1934-35, pero pouco durou xa que o país entrou nunha guerra que paralizou o fútbol até 1939. Tralo conflito bélico, a fichaxe de estranxeiros volveu estar vetada até a reapertura de 1947.
O mercado volveu pecharse, casualmente, xusto vinte anos antes da aterraxe de 'Hallulla' na Coruña. A Delegación Nacional de Deportes novamente prohibiu, o 24 de agosto de 1953, a fichaxe de futbolistas estranxeiros. As autoridades escudáronse nos malos resultados da selección española –só gañara 4 dos 10 encontros que xogara tralo seu cuarto posto no Mundial de 1950– e na polémica desatada entre FC Barcelona e Real Madrid CF pola fichaxe do arxentino Alfredo Di Stéfano.
O réxime abriu as portas de novo tres anos máis tarde, en 1956, pero en 1964 volveu pechalas tralo fracaso no Mundial de Chile dunha selección española con catro nacionalizados: o arxentino Di Stéfano, o húngaro Puskás, o uruguaio Santamaría e o paraguaio Eulogio Martínez.
Durante aquelas primeiras épocas de fronteiras abertas, o Dépor contara con algo máis de medio de centenar de xogadores –aínda que só 37 disputaron partidos oficiais– nacidos fóra de España. Entre os máis destacados atópanse os pioneiros ingleses Long, White, Johnson, Preston, Campbell, Butcher e Bacon, os suramericanos Moll, Rafael Franco, Oswaldo e Corcuera, os fillos de galegos Reboredo, Pirelo, Souto ou Vigo, os luso-angoleños Jorge e Fernando Mendonça ou o peruano Montalvo.
A partir do peche de 1964, a fraude na fichaxe de oriúndos –xogadores suramericanos que na súa maioría non puideron acreditar as súas orixes españolas– acabou resultando tan manifesto que as fronteiras se reabriron definitivamente o 26 de maio de 1973. Co cambio na normativa, cada equipo podía fichar a dous estranxeiros, aínda que non poderían xogar a Copa, norma que acabaría derrogándose en 1977. Se ao Camp Nou chegaba o holandés Johan Cruyff por unha cifra marca de 100 millóns de pesetas, no Santiago Bernabéu aterraba o alemán Günter Netzer, no Calderón apostaban polo arxentino 'Ratón' Ayala ou en Mestalla xogaban a carta exótica co maliano Salif Keita, en Riazor o primeiro en asinar foi Muñoz, nun verán realmente movido en busca do estranxeiro ideal.
O Deportivo acababa de perder a categoría após dúas campañas consecutivas e catro das cinco últimas en Primeira División. A idea era regresar pola vía rápida –aínda que a película acabou no polo completamente oposto, co descenso a Terceira– e por iso a directiva contratou a un adestrador de prestixio a nivel internacional, o chileno Fernando Riera. O 'Tata' levara á súa selección ao terceiro posto no Mundial de 1962, ademais de dirixir ao SL Benfica de Eusebio e á selección mundial que se mediu en Wembley a Inglaterra con motivo do centenario do fútbol, en 1963.
O Dépor tiraba de canteira –aquel ano subían Piña e Pardo, David Vidal volvía da súa cesión ao UE Lleida e Seijas do seu préstamo ao CD Ourense–, para centrar todos os seus esforzos en conseguir unha parella foránea de garantías. A procura foi ardua. Até sete futbolistas estranxeiros tivo ás súas ordes Riera durante aquel mes de agosto.
O primeiro en chegar foi un dianteiro paraguaio, Amado Benjamín Cáceres. Cáceres xogara dúas campañas no Hércules CF e cinco no RCD Mallorca, equipo do que o Deportivo o fichou o verán anterior, o de 1972. Entón non puido xogar en Riazor ao ser un dos implicados na principal fraude de futbolistas oriúndos, o coñecido como 'timo dos paraguaios'. No caso de Cáceres e doutros catro xogadores, a Delegación Nacional de Deportes permitiulles seguir xogando en España a condición de que non cambiasen de club.
O 1 de agosto de 1973, co mercado reaberto, Cáceres regresou á Coruña. Pero non convenceu a Riera. Dez días despois abandonaba Riazor para volver a Palma de Mallorca. No Luis Sitjar, en Segunda División, volveu xogar esa campaña, anotando 2 goles en 10 partidos.
Antes da marcha de Cáceres, chegaba desde Arxentina un defensa. Omar Jorge Liguori procedía do Club Atlético Atlanta bonaerense. Comezou a adestrar co Dépor o 8 de agosto e disputou dous encontros coa camiseta branquiazul. O 12 de agosto xogou o XXII Trofeo Emma Cuervo ante o Real Oviedo, substituíndo a Belló no minuto 22. O Deportivo perdeu por 5-1. Tres días despois disputou os 90 minutos no Trofeo Vila de Rábade, fronte ao CD Lugo, cun combinado Deportivo-Fabril dirixido por Carlos Torres, segundo adestrador branquiazul. Liguori tampouco convenceu ao corpo técnico. Marchouse da Coruña o 17 de agosto.
Con anterioridade, o 14 de agosto, aterrara na Coruña un fino interior iugoslavo. O seu nome, Stevan Ostojić. O balcánico xogara seis temporadas na Estrela Vermella de Belgrado, unha no AS Monaco francés (en Segunda División: 9 partidos e 6 goles) e dous no Fenerbahçe SK turco (onde gañou unha Copa do Presidente e unha Supercopa). Fora dúas veces internacional absoluto co combinado 'plavi'. Tiña calidade á vez que un enorme hándicap: cumpría 32 anos o día 20 daquel mes. Debutou o 15 de agosto substituíndo a Loureda nun amigable ante o Sporting Cambre, a mesma tarde do Vila de Rábade, con outro equipo do Dépor, neste caso dirixido por Riera.
O 18 de agosto foi titular no V Trofeo Conde de Fenosa, fronte ao Real Madrid CF de Netzer, Santillana, Pirri e o ex deportivista Rubiñán. Ostojić provocou o penalti que transformou Rabadeira no momentáneo 1-0 e completou un bo primeiro tempo, aínda que foi substituído no descanso por Pepe Vales. Na segunda metade, os brancos déronlle a volta ao marcador (1-2) para levar o trofeo. O 22 de agosto, Ostojić fixo as maletas para poñer rumbo a Estados Unidos, onde acabaría a súa carreira xogando 3 partidos cos San Jose Earthquakes nos inicios da histórica NASL norteamericana, antes da aterraxe de Pelé, Beckenbauer e compañía.
- Ostojić, segundo pola dereita na fila inferior, entre Beci e Rabadeira, na aliñación do Deportivo no Conde de Fenosa de 1973 -
Un iugoslavo foise o 19 de agosto e outro chegou vinte e catro horas despois. Neste caso, un defensa, de nome Rajko Rašević, de 26 anos e procedente do FK Sarajevo. O 25 de agosto, este central xogou a primeira metade, trala que foi substituído por David Vidal, do XVIII Trofeo Concepción Arenal, no que o Dépor impúxose ao Racing Club de Ferrol (1-2). Riera e Torres tampouco deron o visto e prace no seu informe. O 27 de agosto, Rašević puxo fin ao seu periplo coruñés, para regresar ao seu país. Aquela temporada acabaría xogando no FK Željezničar (7 partidos e 1 gol) da máxima categoria iugoslava.
Un día antes do Concepción Arenal, Muñoz asinaba co Dépor na Praza de Pontevedra. Chegaba directamente desde Chile coa bitola de internacional absoluto. E, practicamente, tal como chegou, foise. O seu club de procedencia, o CD Santiago Wanderers, continuaba de xira por España e el seguiu participando nela. Á súa finalización, a selección chilena requiriuno para preparar a decisiva eliminatoria de clasificación para o Mundial de 1974 fronte á Unión Soviética, prevista para o 26 de setembro (ida en Moscova) e o 21 de novembro (volta en Santiago de Chile). De feito, Muñoz, que non regresou á Coruña até o 12 de outubro, non debutaría co Dépor até o 21 de outubro, no Trofeo Cidade de Lugo que os branquiazuis conquistaron fronte ao equipo local (0-3) con dous tantos seus. Unha semana despois faríao oficialmente, na 8ª xornada de liga, en Riazor fronte ao Hércules CF (1-1). E iso, grazas a que os soviéticos se negaron a xogar o partido de volta como protesta ao recente golpe de estado no país suramericano. Aquela renuncia deixou unha imaxe histórica das Copas do Mundo: once xogadores chilenos sacando de centro e marcando un gol sen oposición. Por fortuna para os intereses branquiazuis, Muñoz non tivo que desprazarse a Santiago de Chile para protagonizar a esperpéntica escena.
Muñoz pertenceu ao Dépor até 1978, aínda que unha grave lesión de xeonllo no verán de 1975 impediulle render ao máximo co primeiro equipo a partir de entón e mesmo a súa última campaña na Coruña competiu co Fabril. O dianteiro chileno disputou 66 encontros oficiais co primeiro equipo branquiazul –todos nas súas dúas primeiras temporadas–, nos que marcou 21 goles.
- Guillermo Muñoz, no centro da fila inferior, entre Seijas e Cervera, antes de comezar o Dépor-Betis (0-1) de Segunda División, o 23 de decembro de 1973 -
Ao día seguinte de asinar Muñoz, plantouse na Coruña un novo dianteiro, de nome Walker Ricardo Araujo Weydtt. A este brasileiro de Porto Alegre a prensa da época bautizouno de diversas maneiras: Weyddt, Walker, Walguer ou mesmo Walter. Weyddt tiña 23 anos e procedía dun equipo modesto, o Guaraní EC de Juazeiro, un club do estado de Ceará, ao nordés de Brasil. Catro días despois, sen disputar un só encontro amigable, poría fin á súa estancia no Dépor.
Un día antes, o 28 de agosto, arribaba outro dianteiro. Juan Carlos Gómez Zaizer era arxentino de pai español e nai de orixe alemá. Chegaba do CA San Lorenzo de Almagro, que o cedeu ao CA Platense durante os dous últimos meses da temporada anterior. Tamén chegara a xogar co primeiro cadro do CA Newell's Old Boys. Todo isto, con só 22 anos. Alcumado 'Macho' ou 'Pecho', Juan Carlos, como foi coñecido na súa etapa herculina, non asinaría contrato até o 3 de outubro, despois de máis dun mes a proba. O 14 de outubro –antes que Muñoz– estreouse de branquiazul, na 7ª xornada de liga, fronte ao Cádiz no Ramón de Carranza. Xogaría dúas campañas no Dépor antes de continuar a súa carreira no Racing Club de Ferrol.
- Juan Carlos Gómez, o segundo estranxeiro en chegar trala reapertura, pero o primeiro en debutar -
Despois de moito buscar e probar, o Deportivo pechaba, en pleno mes de outubro, a súa primeira parella de estranxeiros desde a definitiva reapertura de fronteiras no fútbol español: Guillermo Muñoz e Juan Carlos Gómez. Esa mesma temporada, en febreiro de 1974 e xa con Enrique Orizaola como adestrador, o Deportivo probaría a outro paraguaio, Benicio Luis Aranda, mediapunta procedente do UE Lleida que tampouco gozou do beneplácito dos técnicos branquiazuis.
Desde entón, máis de 220 futbolistas nados fóra de España pasaron polas filas deportivistas, aínda que nalgunhas ocasións non chegaron a formar parte oficialmente do cadro. Deles, 183 disputaron algún minuto en competición oficial.
Durante os anos 70 e 80 houbo decenas deles a proba que finalmente non asinaron, uns após realizar algúns adestramentos e outros despois de vestirse de branquiazul soamente en encontros amigables. Entre os casos máis curiosos figuran os arxentinos de orixe galega Cándido Marcote, Arturo Facal, José García, Carlos Tizón e Roque Carrizo (durante a xira a Arxentina do verán de 1975), os alemáns Reinhard Kuzaj (1975-76) e Andreas Bäuerle (1985-86), o brasileiro Roberto (1976-77), o austríaco Rudi Jellinek (1979-80), o anglo-xamaicano Fitzroy Samoth e o paraguaio Fidel Miño (1982-83), o neerlandés Tini Ruijs (1985-86), o nixeriano-estadounidense Adetokunbo Akinwande Thomas, alcumado 'Toks' (1986-87) ou o portugués Alberto Carlos Bastos Lopes (1988-89).
Anos despois apareceron os xogadores que foron fichados para ser moeda de cambio, como o francés Sylvain Wiltord ou os brasileiros Barata, Sidicley e Henrique. Tamén están os numerosos casos de fillos de emigrantes, como o neerlandés Castro, o uruguaio Gustavo, o alemán Maikel ou o suízo Seoane; os abundantes nacionalizados, como o brasileiro Donato ou o arxentino Nahuel, ou os futbolistas españois con dobre nacionalidade e internacionais polo seu segundo país, como o ecuatoguineano Bodipo ou o filipino Guirado.