RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

A sétima vitoria consecutiva empolica ao liderado ao Dépor (4-1)

O Deportivo impúxose ao CD Lugo, nun partido de récords, no que logrou a súa sétima vitoria consecutiva coa que se empolica por primeira vez ao liderado, e o deportivismo estableceu unha nova marca de asistencia para un partido de liga regular de Primera Federación.

O adestrador deportivista, Imanol Idiakez, repetiu o once que presentou de saída o pasado domingo en Tajonar ante o CA Osasuna B.

A primeira aproximación clara do Dépor produciuse á media hora, cando Barbero cabeceou desviado un centro de Yeremay ao primeiro pau. Dous minutos despois, un saque de esquina de Lucas ao segundo pau despexouno milagrosamente César Morgado cando Pablo Vázquez se dispuña a rematar.

No minuto 37 chegou a acción que cambiou o partido. César Morgado derrubou a Diego Villares após unha magnífica combinación entre Lucas, Barbero e Yeremay, que a deixou de tacón para a chegada do villalbés, atropelado polo capitán lucense. Lucas transformou a pena máxima no seu décimo gol da temporada, noveno en Liga, e o número 52 coa camiseta branquiazul.

O Lugo gozou dunha gran ocasión no minuto 43, cando Germán desbaratou o disparo de Thiago Ojeda nunha fantástica intervención. Xa en tempo engadido, o Dépor estivo a piques de abrir brecha no marcador após unha recuperación de Jose Ángel en tres cuartos que finalizou o mediocentro cun disparo raso que rozou un defensa e Lucas Díaz desviou coas xemas dos dedos a córner.

Si puxo terra polo medio o Dépor no seu primeiro ataque da segunda parte. Corría o minuto 51 cando Lucas recuperou un balón rexeitado ao bordo da área, saíu con velocidade ao contragolpe, puido lanzar pola esquerda a Mella a pesar de sufrir o agarrón de Alberto López e o canteirán correu máis de 50 metros co balón nos pés para plantarse ante Lucas Díaz e fusilalo cun zurdazo cruzado. O '3' deportivista fixo así o seu quinto tanto do curso, terceiro en Liga.

Á hora de xogo, Lucas puido facer o terceiro, cun tremendo zurdazo que repeleu o traveseiro. E na xogada seguinte, o CD Lugo recortou distancias cando un centro ao segundo pau cabeceouno Willy Ledesma ao fondo das mallas.

Ao Dépor non lle entrou medo e no minuto 64 estivo a piques de marcar de novo. Yeremay desbordou no extremo esquerdo, o seu centro raso paseouse polo centro pola área pequena e despexouno un defensa a saque de esquina con Barbeiro ás súas costas.

Pouco despois, Alberto López viu a segunda amarela por un novo agarrón, esta vez sobre Mella cando este buscaba un balón en profundidade de Lucas.

Con superioridade numérica, os minutos finais foron carne sen ósos para o Dépor, que marcou dous goles máis pero puido lograr unha goleada de escándalo. Yeremay disparou rozando o recanto no minuto 75. Raúl Alcaina roubou a pelota a Lucas Díaz na liña de fondo no minuto 77, pero o seu control cara á portería foise longo e un defensa abortou o perigo. No minuto 79, Lucas estrelou un zurdazo desde a frontal no pau dereito e o esférico paseouse pola liña de gol para perderse polo costado contrario.

O terceiro tanto chegou no minuto 86. Lucas caracoleó no extremo esquerdo antes de centrar para a chegada de desde atrás de Davo, que bateu á meta visitante cunha certeira cabezada. Foi o sexto gol do asturiano, segundo máximo anotador do equipo xunto a Barbero.

Xa en tempo engadido, os branquiazuis gozaron dunha tripla ocasión, nunha falta directa de Hugo Rama que repeleu o gardameta branquivermello, o empalme do rexeite de Lucas que se topou cun defensa e o remate final de Pablo Vázquez que sacou a córner o porteiro lucense. Xa cos seis minutos de tempo engadido a piques de cumprirse, Lucas quedou man a man co seu homónimo gardameta visitante e, após recortalo, cedeu para a chegada de Hugo Rama, que marcou a pracer con só un defensa baixo paus, para facer o seu primeiro tanto oficial co primeiro equipo deportivista.

O colexiado sinalou inmediatamente o final do encontro, que supuxo a sétima vitoria consecutiva do Dépor, que iguala a lograda entre decembro de 2019 e febreiro de 2020, na súa última temporada en Segunda División. O equipo coruñés empolícase, con 50 puntos, ao liderado do grupo 1 de Primera Federación. Os branquiazuis só perderon 1 dos últimos 15 partidos, nos que sumaron 36 dos 45 puntos posibles. Ademais, nas últimas 7 xornadas viron porta nada menos que en 25 ocasións e só encaixaron 4 goles.

RC Deportivo: Germán, Ximo Navarro (Jaime, min. 69), Pablo Vázquez, Dani Barcia, Balenziaga, Diego Villares (Rubén López, min. 89), Jose Ángel, Mella (Davo, min. 76), Lucas, Yeremay (Hugo Rama, min. 89) e Barbero (Raúl Alcaina, min. 76).

CD Lugo: Lucas Díaz, Carlos Julio, Gorka Pérez, César Morgado, Alberto López, Jozabed (Javi Vázquez, min. 71), Thiago Ojeda (Aguza, min. 56), Fran Mérida (Víctor Narro, min. 56), Mario da Costa (Adrián Fuentes, min. 78), Antoñín (Willy Ledesma, min. 56) e Nacho Quintana.

Goles: 1-0 Lucas, de penalti (min. 38); 2-0 Mella (min. 51); 2-1 Willy Ledesma (min. 61); 3-1 Davo (min. 86); 4-1 Hugo Rama (min. 90+6).

Árbitro: Fernando Román Román (c. castelán-leonés). Expulsou con vermella directa ao técnico deportivista Imanol Idiakez (min. 24) e por dobre amoestación ao branquivermello Alberto López (min. 68). Cartón amarelo a Ximo Navarro (min. 16), Dani Barcia (min. 21), Lucas (min. 22), Fran Mérida (min. 27), César Morgado (min. 37), Alberto López (min. 51) e ao adestrador visitante Roberto Trashorras (min. 69).

Incidencias: partido correspondente á 26ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 28.112 espectadores, marca histórica nun partido de liga regular de Primera Federación.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK