ABANCA-RIAZOR lucirá mañá domingo 24 de novembro ás 16:15 (LaLiga TV Hypermotion, Gol Play e #Vamos) as súas mellores galas para arroupar ao Dépor no seu partido ante o Sporting de Gijón correspondente á 16ª xornada en LaLiga Hypermotion.
"É un partido súper bonito ao ser dous equipos do norte, dous equipos históricos", subliñou Rubén Albés, adestrador sportinguista.
"Os partidos Dépor - Sporting ou Sporting - Dépor son unha boa noticia en canto a expectación, ao ambiente que se respira. A proximidade con Gijón fai que os desprazamentos sexan multitudinarios nos dous sentidos. Iso é bonito para o fútbol e o que nos gusta a todos", corroborou desde Abegondo Óscar Gilsanz.
Sen entradas á venda desde hai uns días salvo as que liberan os abonados e abonadas branquiazuis en bancada.es, ANOSAFORZA alentará a Os Nosos en busca dos 3 puntos.
Os de Óscar Gilsanz, coa derrota da pasada fin de semana en Almería (2-1), ocupan a 17ª posición na táboa con 16 puntos.
Esta mañá, o equipo realizou en Abegondo unha última sesión de adestramento, a base dunha activación no campo 2 cunha roda de pases; e un repaso ao plan de partido e ás accións a balón parado.
Onte en rolda de prensa, o técnico deportivista explicou que "preparamos o partido con todos os xogadores dispoñibles para que estean listos para xogar independentemente que esteamos a pensar nun once ou noutro".
Nesta liña, advirte que "pode pasar que prepares a semana cun equipo e a última hora teñas algunha lesión... Entón sempre tentamos preparar a todos os xogadores coma se fosen xogar todos de inicio. Loxicamente estamos aquí para tomar decisións e elixir, pero nós preparamos o partido para todos".
Pola súa banda, o Sporting de Gijón, que a pasada fin de semana caeu no Molinón (1-2) ante o Granada CF, é 3º na táboa con 25 puntos, a 1 do ascenso directo.
Esta temporada, lonxe do seu campo, os branquivermellos gañaron en Eibar (1-3) e Burgos (0-2); empataron en Almería (1-1), Tenerife (1-1) e Albacete (3-3); e perderon en Santander (2-1) e Elche (2-1).
Rubén Albés confesou na sala de prensa que nunca visitara ABANCA-RIAZOR "pero son consciente do magnífico ambiente de fútbol, da magnífica cidade, onde viven o seu Deportivo dunha maneira moi especial".
Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o luns 25 de novembro ás 11:00 horas en Abegondo.