Raúl Albentosa atendeu aos medios de comunicación esta mañá na sala de prensa de Abegondo.
O central deportivista asegurou que "creo neste equipo, creo neste grupo e imos seguir cara a adiante ata que teñamos opcións".
Esta semana de parón, conta o defensor branquiazul, aproveitouse para "tentar poñernos fisicamente ben, tentar estar mentalizados para a semana que vén", concretamente para o domingo 1 de abril coa visita ao Atlético de Madrid no Estadio Wanda Metropolitano (20:45 horas, Bein LaLiga), correspondente á 30ª xornada en LaLiga Santander.
Preferiría seguir competindo dada a complicada situación do equipo, "encima o outro día merecemos outra vez gañar aínda que non sacamos os 3 puntos. Logo fanse moi longas dúas semanas".
A causa, segundo Albentosa, é que estás "coa tensión, co nerviosismo de que chegue xa o partido para tentar sacar os 3 puntos. Isto do fútbol é así. Nun día pode cambiar todo. Necesitamos que cambie e necesitamos que chegue xa o partido".
Acepta que "xa non hai marxe. Estamos baixos. Simplemente hai que tentar sacar os 3 puntos no Wanda. Seguir cara a adiante, que quedan 9 partidos".
Iso si, advirte que non bota contas nin mira a clasificación: "É mellor non mirar, ir partido a partido. O primeiro é este. Dos pasados xa non podemos facer nada, este é o primeiro. Sexa o Atlético de Madrid ou sexa o que sexa, hai que tentar ir gañar alí".
É consciente da dificultade de puntuar no estadio dun dos grandes da liga, aínda que apunta que "non me fixo niso porque o Dépor é un equipo grande. O partido son 11 para 11 aí dentro. Non xoga ninguén de fóra, nin o público, nin a prensa. Ao final xogan 11 para 11, e os que axudan despois".
Na súa carreira, lembra que "eu co Málaga estiven a piques de gañar alí e co Eibar tamén lle puxen moi difícil as cousas. Imposible para min non hai nada porque o vivín noutros clubs, que sendo máis pequenos puxémoslle as cousas moi difíciles a todos os equipos".
Coincide con Juanfran ao destacar que Clarence Seedorf "fixo moito fincapé no tema psicolóxico. É unha persoa que che transmite moito neste aspecto. Pode facerte cambiar a panorámica de como o ves ti en 1 minuto. Iso é de agradecer".
Nesta liña, valora Albentosa moi positivamente a incorporación dos psicólogos ao primeiro equipo: "En fútbol manéxanse tantos campos que é moi bo telos. O Club acertou e estanos axudando".