RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Aleksandar Jovanović estréase e David Simón recibe a alta médica

Aleksandar Jovanović (Niš, Serbia, 6 de decembro de 1992) adestrouse por primeira vez esta mañá co RC Deportivo. Antes de arrancar o adestramento, o meta serbio pousou coa súa nova camiseta para os medios gráficos con Richard Barral no campo principal de Abegondo, acompañado tamén por Keko Gontán, postremeira incorporación para o ataque branquiazul.

A mañá arrancou na Cidade Deportiva coa boa noticia de David Simón, que recibiu a alta médica e, por conseguinte, está a disposición de Fernando Vázquez.

Tamén o dianteiro venezolano Christian Santos, que se incorporou hoxe ao grupo trala súa escordadura de xeonllo, entra na recta final da súa recuperación. Así pois, tan só Sabin Merino, Salva Ruiz e Dani Giménez, con adestramento específico, estiveron á marxe do grupo.

A primeira sesión de preparación de cara ao encontro deste domingo 9 de febreiro no Estadio Santo Domingo de Alcorcón (12:00 horas, Movistar LaLiga) foi dura e intensa.

Após un quecemento e rondos, houbo traballo físico con finalizacións e unha serie de exercicios tácticos para preparar ao equipo para a intensidade que o AD Alcorcón imprime aos seus encontros, sobre todo no seu terreo de xogo.

Unha serie de partidos en espazo reducido, de alta intensidade, puxo o punto e final a un adestramento que tivo a presenza dos canteiráns Mujaid, Álex Cobo e o meta xuvenil Alberto.

Mañá mércores 5 de febreiro haberá unha nova sesión en Abegondo, a partir das 10:30. Os futbolistas están citados para almorzar ás 9:30 horas.