Álex Bergantiños, nomeado embaixador do peixe e marisco de Laxe
O conselleiro deportivista Álex Bergantiños, un dos 10 xogadores con máis partidos oficiais dos máis de mil futbolistas na historia do RC Deportivo, foi nomeado embaixador do peixe e marisco de Laxe, nunha emotiva tarde na localidade da Costa de Morte.
En primeiro lugar, Álex visitou as instalacións da Confraría de Pescadores de Laxe, xunto co patrón maior e o secretario da Confraría, onde estampou a súa firma no libro de honra da asociación. A continuación, recibiu o aplauso dos nenos e nenas do club local, o SD Laxe, no interior da lonxa do porto, onde participou nun simulacro de poxa. Os rapaces e rapazas tamén lle obsequiaron cunha camiseta do SD Laxe co seu nome e retratáronse todos xuntos con el.
Finalmente, o ex capitán branquiazul, xogador deportivista durante nada menos que 21 temporadas desde a súa incorporación en idade xuvenil até a súa retirada á conclusión do curso pasado, foi nomeado embaixador do peixe e marisco de Laxe, nun acto celebrado tamén na lonxa. Álex falou do seu actual labor como conselleiro do RC Deportivo, antes de referirse á importancia do peixe e marisco de calidade na alimentación dos futbolistas e para unha dieta variada, ademais de destacar o traballo e esforzo da xente do mar. Tamén quixo transmitir aos nenos e nenas que o importante no fútbol é gozar de xogar, do compañeirismo e de facer amigos.