RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Diego Rolan debuta e decide (1-0)

O Deportivo impúxose pola mínima ao Racing de Ferrol no primeiro duelo ligueiro entre ambos os equipos en case corenta anos, un partido definido aos poucos minutos de comezar por un penalti provocado e transformado polo debutante Diego Rolan.

Deportivo e Racing de Ferrol non se vían as caras no campionato desde o 1 de marzo de 1981, en choque da 26ª xornada do Grupo I de Segunda División B da Temporada 1980-1981. Aquel día, os branquiazuis tamén gañaron, aínda que a domicilio, no estadio Manuel Rivera da cidade departamental (1-2).

Fernando Vázquez, preparador deportivista, realizou dous cambios con respecto ao once inicial que presentou a semana pasada en Guijuelo. Entraron os dous uruguaios do cadro, Nacho González e Diego Rolan –que deste xeito debutou en partido oficial coa camiseta branquiazul– en lugar dos lesionados Keko e Miku. Con Rolan e Claudio Beauvue como dúo en punta, o Deportivo despregouse con catro homes en mediocampo, con Borja Galán por diante dunha liña de tres formada por Nacho González á dereita, Uche Agbo no centro e Celso Borges á esquerda.

O Deportivo comezou o encontro co pé dereito. Os branquiazuis trenzaron varias accións boas de ataque nos primeiros compases. No minuto 4, Nacho González deixou o balón co peito para a chegada de Claudio Beauvue, cuxo potente remate amorteceu a perna dun defensa departamental, facendo chegar a pelota mansamente a mans de Diego Rivas.

Pouco despois, unha internada polo extremo esquerdo de Diego Rolan cortouna coa man Yeferson Quintana. O colexiado non dubidou un instante en sinalar o punto de penalti. O debutante colleu a responsabilidade do lanzamento, batendo cun disparo imparable por alto ao gardameta do conxunto ferrolán. O dianteiro uruguaio tardou seis minutos en estrear a súa conta goleadora como xogador branquiazul.

A partir de entón, o encontro equilibrouse. Sen un dominador claro, as oportunidades de gol brillaron pola súa ausencia. Non foi até mediada a primeira metade cando o Racing de Ferrol reclamou penalti nun córner por man de Mujaid. O árbitro non castigou a acción xa que o defensa deportivista tiña o brazo pegado ao corpo. Os branquiazuis armaron un contragolpe en superioridade numérica que acabou cun intento de remate acrobático de Nacho González, que se atopaba en posición de fóra de xogo.

David Rodríguez tivo a mellor ocasión ferrolá na primeira metade, nun novo saque de esquina. O dianteiro recolleu o balón ao bordo da área, rematou contra Mujaid e recolleu o rexeite para soltar un novo remate cruzado. Este superou o bosque de pernas que poboaban a área pero atopouse cunha segura estirada de Carlos Abad. Instantes despois, Borja Galán disparou alto desde o bordo da área despois dunha longa posesión coruñesa, con avances deportivistas por ambas as frontes.

Sen cambios no descanso, o Racing de Ferrol tratou de dar un paso adiante. Aos cinco minutos da continuación, Pumar avisou nunha chegada en segunda liña a un centro desde a dereita, pero o disparo do lateral esquerdo foise moi desviado.

Fernando Vázquez viu entón a necesidade de reforzar o sistema defensivo. O técnico deportivista deu entrada a Álex Bergantiños en lugar de Claudio Beauvue. O capitán branquiazul situouse entre Mujaid e Borja Granero para dar forma a unha defensa de cinco homes, quedando Rolan como única referencia arriba.

O Deportivo cedeu terreo pero non concedeu oportunidades claras ao seu adversario. A única estivo na cabeza de Joselu, que puxo o balón nas mans de Carlos Abad con todo ao seu favor nunha clara cabezada nunha falta lateral.

O cadro herculino dispuxo nos minutos finais de varias posibilidades de pechar o partido ao contragolpe, sobre todo en internadas nas que Lara mostrou a súa gran velocidade. O segundo gol non chegou e o Racing de Ferrol tentouno no tempo engadido colgando varios balóns que liquidou un valente e seguro Carlos Abad saíndo de puños.

Con este triunfo, o cuarto en seis xornadas, o Deportivo encabeza en solitario o subgrupo A do grupo 1º de Segunda División B con 14 puntos. Os branquiazuis, que seguen sen coñecer a derrota, encadean o seu quinto encontro consecutivo sen encaixar goles.

RC Deportivo: Carlos Abad, Bóveda, Mujaid, Borja Granero, Salva Ruiz, Nacho González (Gandoy, min. 60), Uche Agbo, Borges, Borja Galán (Lara, min. 80), Claudio Beauvue (Álex Bergantiños, min. 56) e Rolan (Rui Costa, min. 80).

Racing Club de Ferrol: Diego Rivas, Seoane (Dani Abalo, min. 83), Quique Fornos, Yeferson Quintana, Bruno Rivada, Pumar, Fer Beltrán (Nathan Palafoz, min. 75), Elsinho Dias, Dani Nieto (Javi Rey, min. 54), Joselu e David Rodríguez (Peñaloza, min. 75).

Gol: 1-0 Rolan, de penalti (min. 6).

Árbitro: Vicente Moral (c. castelán-leonés). Cartón amarelo a Bruno Rivada (min. 48), Borges (min. 84) e Quique Fornos (min. 90).

Incidencias: partido da 6ª xornada do Grupo I Subgrupo A da Segunda División B disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR a porta pechada.