Diego Rolan atendeu aos medios de comunicación após recoller o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do Deportivo no pasado mes de decembro.
O dianteiro uruguaio comenta que se atopa "ben" a nivel físico: "Fáltame un pouco de traballo porque coas molestias que tiven non puiden adestrar co equipo ao cento por cento. Hoxe intégrome ao equipo e teño todos os días da semana que quedan para alcanzar un óptimo nivel físico e técnico".
Así pois, "se todo vai ben para o partido desta fin de semana vou estar á orde do míster", en ABANCA-RIAZOR ante a SD Compostela o domingo 24 de xaneiro (17:00 horas, TVG). "Veremos como marcha a semana. Dependendo diso verase se estou para o partido ou non", apunta.
Co mercado de inverno aberto, Rolan asegura "estar a pensar no Dépor, no partido do domingo que vai ser moi importante para nós. Non teño a cabeza niso".
Sobre Rubén de la Barrera, opina que "vén con moi boas ideas. Está a darlle intensidade e dinámica ao equipo, que eu creo que é algo que lle estaba faltando ao Dépor. A medida que vaiamos traballando con el e imos recollendo as ideas que ten, pode ser moi interesante para os xogadores".
Sostén Rolan que a idea de fútbol que trata de implantar o técnico coruñés no Dépor "gústame moito. El baséase nos espazos que deixan os xogadores, tratar de aproveitalos. A idea é moi dinámica, intensa. Iso é o que nos faltaba. Pode ser moi interesante con tempo de traballo".
Coa SD Compostela e Unionistas de Salamanca agora de maneira consecutiva en ABANCA-RIAZOR, admite que "van ser importantes. Teremos que estar concentrados e entrar desde o inicio a buscar os partidos. Estes partidos van ser claves".
En canto á substitución no banco deportivista, o ariete branquiazul advirte que "no fútbol os xogadores e adestradores dependemos moitísimo dos resultados. Ás veces as cousas non se dan ben, hai moitos factores. Ás veces hai que ter un pouco de sorte porque podes ter unha idea de xogo interesante pero despois se non leva a cabo por diferentes circunstancias prexudícanos moitísimo. Non tivemos a sorte de obter os resultados. Se os xogadores gañásemos eses partidos hoxe non estariamos a falar dun cambio de adestrador. É un tema moi complexo. Dependemos dos resultados e non sempre se dan".