RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Diego Rolan, novidade na lista do Dépor para recibir mañá ao Racing de Ferrol en ABANCA-RIAZOR

Diego Rolan é a principal novidade na convocatoria de 19 xogadores citados por Fernando Vázquez para o partido de mañá domingo 29 de novembro en ABANCA-RIAZOR ante o Racing de Ferrol (19:00 horas, TVG).

Do ariete uruguaio falou o técnico deportivista onte venres na rolda de prensa previa ao encontro: "Está ben. É unha cuestión de estado de forma. O que me parece máis importante é saber cando sería máis interesante en que momento... 90 minutos vaille a custar".

Na lista entran tamén Valín, que hoxe recibiu a alta médica despois de superar unha escordadura de nocello; e o fabrilista Adri Castro, de regreso despois de ser baixa en Guijuelo a causa do illamento que tivo que cumprir ao ser contacto estreito cun caso positivo de COVID-19.

Por contra, caen por lesión Derik, Miku e Keko, este por mor dunhas molestias no xemelgo dereito. Xa onte Fernando Vázquez cualificou o caso do atacante madrileño ante os medios de comunicación como "unha dúbida alta. Hoxe (por onte) tivo malas sensacións. Imos ver mañá (por hoxe)". Finalmente, Keko será baixa ante o Racing de Ferrol.

Na sesión desta mañá, o adestrador branquiazul dispuxo, tras un quecemento con rondos, un exercicio táctico no campo 2; un partido a tres cuartas partes de campo; fútbol en espazo reducido; e, para concluír, ensaio de accións a balón parado ofensivas.

Finalizado o choque ante o Racing de Ferrol de mañá domingo, o Deportivo regresa aos adestramentos o luns 30 de novembro ás 11:00 en Abegondo.