Diego Rolan pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.
O internacional deportivista recalcou que non está a pensar no futuro senón "pensando en aproveitar esta oportunidade, xogar tentando axudar ao equipo, dar o máximo. Estou a pensar no partido do domingo (13 de decembro en ABANCA-RIAZOR ante o RC Celta B, 17:00 horas, TVG), que hai que conseguir os tres puntos. Chegado o momento poden pasar moitas cousas. Agora mesmo non sei o que pode pasar. Estou enfocado noutra cousa que é o equipo".
Subliña unha e outra vez que "hoxe en día a miña cabeza está no equipo, en poder axudar ao equipo, en poder atopar resultados bos, en poder facer as mellores actuacións a nivel individual e a nivel grupal".
É máis, asegura estar disposto a continuar no club: "Teño ganas de ir da man co Deportivo, co equipo. Teño a humildade de xogar nesta división e poder axudar ao equipo. É unha opción que non hai que descartar".
Lembra que se puxo "moi contento" ao recibir a chamada do Deportivo: "Tiña moitas ganas de poder xogar na liga española e cun club como o Deportivo para min era algo moi importante, un desafío moi lindo. Despois non se deu a ocasión de poder xogar co Dépor por outras circunstancias que foron por unha cota de extracomunitarios. Todo chega o seu momento. Agora chegoume o momento de estar no Deportivo e estou moi contento de estar acá. Por máis que sexa Segunda B, Segunda ou Primeira as miñas ganas e a miña actitude van ser as mesmas. Síntome moi contento de estar acá e quero dar o máximo".
Confesa así mesmo que tiña "moitas ganas" de debutar en ABANCA-RIAZOR, como así sucedeu ante o Racing de Ferrol fai quince días. "Para min era un desafío porque #ANOSAFORZA espera bastante de Diego Rolan. É un desafío moi importante porque non terminou. É algo que a min me motiva tamén".
Admite Diego Rolan que a faceta ofensiva "é un dos aspectos que temos que mellorar porque defensivamente o equipo está moi ben. Non me sei ben os números pero creo que levamos varios partidos sen recibir goles. Fáltanos un pouco máis en ataque, xerar máis ocasións de gol. Eu creo que é un punto no que nos temos que enfocar".
A nivel persoal, o ariete branquiazul está "contento" cos seus números: dous goles en dous partidos que serviron para sumar catro puntos. "Non estou conforme. Espero nos dous partidos que quedan este ano seguir marcando, seguir axudando ao equipo. Esperemos que esta xeira poida seguir. Non son conformista e quero máis", conclúe.