Diego Rolan, xogador Estrella Galicia do Dépor do mes de decembro
O dianteiro uruguaio Diego Rolan recibiu esta mañá na Cidade Deportiva de Abegondo o premio ao Xogador Estrella Galicia do Dépor no mes de decembro, tomando a testemuña de Uche Agbo e de Keko Gontán, galardoados nos meses de novembro e outubro, respectivamente.
Diego Rolan sumou o 48,4% dos 1.920 votos recibidos, por diante de Mujaid Sadick (33,1%), finalista por terceiro mes consecutivo, e Yago Gandoy (18,5%), xogadores elixidos como aspirantes polos xornalistas que cobren a actualidade diaria do Dépor e que valoraron as súas actuacións ante Pontevedra, Celta B e El Ejido.
O ariete charrúa disputou esta temporada 4 partidos nos que suma 264 minutos, dous goles e unha asistencia que mereceron o recoñecemento por parte do Deportivismo o pasado mes de decembro.