Diego Villares subliñou na sala de prensa de Abegondo que, a pouco máis de catro días de arrincar a liga, "estamos con ganas. Cando empezas a pretemporada o que estás a desexar é que empece a competición, empezar a xogar partidos de verdade, que teñan xa esa tensión e esa competitividade que a todos nos gusta".
Chancea con que esta temporada "tócanos xa. De tantos anos tentándoo xa ten que ir a vencida. Este equipo, aínda que aínda falte algún compañeiro por chegar, ten vimbias para que así sexa". "Este ano, co que nos axuda o míster, con como estamos a traballar en pretemporada, temos un equipo no que a xente ten ganas, xa nos imos coñecendo de verdade", engade.
Destaca do equipo "a xente de arriba: Lucas, que xa fixo a pretemporada connosco; e Yeremay, que leva un par de semanitas un pouquiño tocado, está con esa confianza que necesitaba. É xente que nos pode dar moito e iso o equipo vaino a agradecer".
Desvela que Imanol Idiakez "puido falar con todos, tanto individual como colectivamente. Pasamos polo seu despacho e o que habemos ir traballando nos partidos é dominar a través do balón con esa xente por dentro, esa figura do mediapunta que o ano pasado non tivemos. E a partir de aí crear perigo en campo contrario e ser un equipo que domine a través do balón, sobre todo".
Do grupo 1º en Primera Federación, Villares opina que "a priori por xente e por nome os equipos do grupo de abaixo son os que mellor se estiveron reforzando, pero en canto a equipos do noso grupo, SD Ponferradina, CD Lugo... equipos que veñen de arriba, están a asinar ben e sempre son rivais a bater".
Aos canteiráns que traballaron durante o verán co primeiro equipo, viunos "sobre todo con ganas e con ilusión de poder axudarnos, que iso é a día de hoxe o máis importante. Todos os coñecemos e sabemos dabondo que teñen calidade. Entón que teñan esas ganas e esa ilusión por axudarnos é moi importante".
A nivel persoal, Diego Villares apunta que o dobre pivote "está a axudarnos e estanos dando máis presenza en últimos metros que cando xogamos con 3. A nivel defensivo cústanos un pouquiño máis, pero todo será adaptarse e traballar".
Finalmente, recoñece que lle gustaría ser un dos capitáns, "cos anos que levo aquí e sendo de aquí"; e advirte que non ter a Álex Bergantiños no vestiario vestido de curto "nótase porque é un compañeiro co que levaba varios anos. A nivel de vestiario e compañeirismo nótase. É unha persoa que sempre estaba disposta a axudarche e tantos anos de capitán exercendo nese posto, dentro do vestiario nótalo. Até os novos compañeiros que puideron coincidir con el dous ratitos déronse conta do que é Álex. En canto a nivel de club, é moi importante ter unha figura así, que leva tantos anos e sente o deportivismo tan dentro para que tamén a xente que vén de fóra identifíquese con iso".