Emre Çolak foi preconvocado por Turquía para dous partidos oficiais, os dous clasificatorios para o Mundial de Rusia 2018.
Así, a selección turca visita a Ucraína o sábado 2 de setembro en Kharkiv e o martes 5 mídese a Croacia na cidade turca de Eskisehir.
O venres 25 de agosto a Federación Turca fará pública a lista definitiva. En caso de ser finalmente convocado, o centrocampista branquiazul terá que concentrarse o martes 28 de agosto co resto de internacionais.
Estados Unidos e México serán os rivais de Celso Borges
Celso Borges e a súa selección, Costa Rica, terá dous complicados rivais este mes de setembro na carreira cara ao Mundial de Rusia 2018.
Asi, o venres 1, a selección costarriqueña visita a Estados Unidos, en choque que se disputará no Estadio Red Bull Area de Harrison (New Jersey, 18:55, hora local).
O martes 5, Borges enfróntase a México (Estadio Nacional de San José, 20:05 hora local), un dos favoritos para clasificarse para a cita mundialista.
O mediocentro deportivista viaxará ao seu país para iniciar a concentración de preparación o domingo 27 de agosto, xusto despois do partido que o Dépor xogará no Ciutat de València ante o Levante, do sábado 26 ás 20:15 horas (Bein LaLiga).
Florín Andone medirase con Romanía a Armenia e Montenegro
A Federación Romanesa de Fútbol comunicou ao RC Deportivo a convocatoria de Florin Andone para dous partidos oficiais o próximo mes, clasificatorios para o Campionato do Mundo de Rusia 2018.
Así, o venres 1 de setembro, Romanía mídese a Armenia na capital Bucarest e o luns 4, o combinado romanés visita a Montenegro nun choque que se xoga en Podgorica.
Andone terá que incorporarse á concentración o domingo 27 de agosto, do mesmo xeito que Celso Borges.
Uruguai convoca a Fede Valverde para dous partidos de clasificación para o Mundial
A Federación Uruguaia de Fútbol convocou a Fede Valverde para os próximos encontros de clasificación para o Mundial de Rusia 2018, nos que o combinado celeste deberá enfrontarse a Arxentina e Paraguai, a finais de agosto e comezos de setembro.
É a primeira citación na selección absoluta para o centrocampista branquiazul, que o pasado mes de xuño foi elixido Balón de Prata da Copa do Mundo Sub-20, na que Uruguai alcanzou as semifinais.
A selección de Uruguai deberá enfrontarse a Arxentina en Montevideo o 31 de agosto (20:00 hora local) e render visita a Paraguai o 5 de setembro (20:00 hora local).
O combinado celeste ocupa agora mesmo a terceira praza da fase de clasificación de Sudamérica. O catro primeiros clasificados obterán o billete para Rusia e o quinto deberá xogar unha eliminatoria contra o campión de Oceanía cuxo vencedor tamén estará no Mundial.