O Deportivo sufriu a primeira derrota da pretemporada, no quinto partido da mesma e primeiro ante un rival da mesma categoría, unha SD Ponferradina que no seu estadio de El Toralín superou aos branquiazuis, hoxe completamente amarelos, cun tanto en cada período.
Imanol Idiakez, técnico deportivista, deulle un xiro de porca á formación branquiazul. O Dépor saltou a El Toralín cunha defensa de tres, con Pablo Vázquez como peche e Ximo Navarro e Balenziaga nos costados. Por diante situouse Jose Ángel e, ao seu lado, Diego Villares e Isi Gómez. Lucas na mediapunta, Davo e Mella nos extremos e Barbero como home máis adiantado.
A primeira metade tivo máis cor local, polo menos en canto a chegadas á portería contraria refírese. O conxunto berciano tivo dúas boas ocasións en chegadas pola esquerda antes de cumprirse o cuarto de hora. No minuto 8, Ernesto bateu desviado chegando desde atrás un centro desde a esquerda. No 13, o que rematou fóra unha acción similar foi Ale Díez.
O conxunto local adiantouse no marcador no minuto 24. Un erro de entendemento entre Diego Villares e Jose Ángel nun balón dividido en mediocampo acabou coa pelota a pés de Ernesto. O dianteiro local correu 30 metros até a frontal da área e desde alí disparou raso e cruzado lonxe do alcance de Germán Parreño.
O primeiro achegamento coruñés produciuse no minuto 34, cando Davo disparou ás nubes após unha deixada ao bordo da área de Barbero. Os locais tiveron outra ocasión no minuto 43, cando Germán detivo en dous tempos un zurdazo afastado de David Soto que se envelenou por un bote previo.
Tralo descanso, Imanol Idiakez deu entrada a Ian Mackay por Germán Parreño e a Pablo Martínez por Ximo Navarro, pero modificou o esquema inicial de tres traseiros ao situar a Diego Villares no lateral dereito para completar unha liña de catro homes atrás.
Mackay interveu providencialmente no minuto 48 para desviar a córner un potente dereitazo de Ale Díez ao cabo dunha veloz transición do conxunto berciano. Tres minutos despois foi o Dépor o que tivo a opción ao contragolpe, ademais en superioridade numérica, pero Lucas finalizou a acción cun disparo a pase de Davo que repeleu un defensa lanzándose ao chan.
Os bercianos avisaron de novo no minuto 70, cando Yuri tentou sorprender a Mackay cun chapeu após un rápido contragolpe, pero o balón foise moi por riba do traveseiro. Pouco despois, no minuto 81, un potente zurdazo ás toas de Markel Lozano nun rexeite ao bordo da área que Mackay non puido atrapar traspasou a liña de gol pese ao segundo esforzo do gardameta coruñés, para converterse no 2-0 definitivo.
Nos instantes finais, Nájera e Kuki Zalazar probárono con senllos disparos que se foron desviados por pouco, polo que o marcador xa non se moveu.
SD Ponferradina: Andrés Prieto, Carrique, Sibille (Covi, min. 88), Leal, Nil Jiménez (Bassa, min. 88), Pol Llonch (Igbekeme, min. 64), Markel Lozano, Ale Díez, Brais Abelenda (Yuri, min. 64), David Soto (Dacosta, min. 64) e Ernesto (Raúl, min. 80).
RC Deportivo: Germán (Mackay, min. 46), Ximo Navarro (Pablo Martínez, min. 46), Pablo Vázquez (Dani Barcia, min. 68), Balenziaga (Retu, min. 77), Diego Villares, Jose Ángel (Jairo, min. 77), Isi Gómez (Jaime, min. 68), Davo (Nájera, min. 77), Lucas, Mella (Kuki Zalazar, min. 68) e Barbero (Ochoa, min. 77).
Goles: 1-0 Ernesto (min. 24); 2-0 Markel Lozano (min. 81).
Árbitro: Eder Mallo Fernández (c. castelán-leonés). Cartón amarelo a Jose Ángel (min. 56).
Incidencias: encontro amigable, quinto da #DéporXiraAugaDeParada, disputado no estadio de El Toralín (Ponferrada).