Emre Çolak manifestou na sala de prensa de Abegondo que os futbolistas "non estamos contentos" tras os dous primeiros partidos de Liga, coa derrota no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Real Madrid e o empate do pasado sábado no Ciutat de València.
Precisamente da última igualada ante o Levante, o internacional turco confesou que "despois do partido falamos sobre isto. Estamos a buscar unha solución".
O atacante deportivista apunta que Pepe Mel, tras o partido en Valencia, "estaba moi enfadado. Non é fácil meter goles fóra de casa. Despois de 0-2, sen querer, defendemos moito. Non puidemos comprender por que defendemos. Falamos sobre isto para solucionalo".
Tamén subliñou que no vestiario tratouse o tema da posesión do balón, claramente a favor do equipo granota: "Non puidemos telo moito. Eles tocaban. Eu toquei só dous ou tres veces o balón. Cando me chegue, vou xogar mellor".
Mostrou o seu desexo de que Lucas Pérez regrese ao Deportivo: "Oxalá que volva. É un xogador que coñece a liga, con moita calidade. Seguro que nos vai a dar moitísimo. Vai axudar moitísimo ao equipo e especialmente ao meu xogo. Vainos mellorar moito".
Emre asegura estar "con moita confianza. Podo xogar ou pode facelo outro compañeiro. Quero xogar todos os partidos, aínda que se hai rotacións, é decisión do míster. Temos un equipo mellor que o ano pasado", conclúe.
Nesta liña, cre que a diferenza está "nas fichaxes, especialmente Fede Cartabia, Fede Valverde, Bakkali, Adrián... Son xogadores novos que van marcar a diferenza. O ano pasado houbo moitas novas fichaxes, non nos coñeciamos moito. Este ano coñecémonos máis, no campo tamén. Iso vainos a axudar moito". "Non temos ningunha razón para non ter éxito", conclúe.
Aínda que está disposto a axudar en calquera parcela do campo e "facer o máximo posible para o equipo", lembra que "onde sinto máis cómodo é na mediapunta".
A poucos días para o peche de mercado, Emre Çolak, un dos futbolistas máis queridos polo deportivismo e gañador por exemplo a temporada pasada de varios premios ao 'Xogador Estrella do mes' segundo votación dos afeccionados, foi tallante: "Seguro que quedo no Dépor".