Eva Dios: "Son plenamente consciente de todo o que lle debo ao Dépor ABANCA"
Eva Dios foi a protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo ratificada a súa renovación polo Dépor ABANCA até 2029.
Kevin Cabado, responsable do Dépor ABANCA, afirmou que "nos fai unha ilusión tremenda a min e ao Club porque Eva exemplifica o que queremos que sexa este proxecto".
Asegura que "é un exemplo para todas as canteirás que queren vestir a camiseta do Dépor ABANCA e acabar xogando en ABANCA-RIAZOR".
Apunta que "xa é historia do Club. Con 23 anos xa é a segunda xogadora con máis partidos na historia do primeiro equipo. E todo o que nos queda por construír xuntos".
Pola súa banda, Eva Dios confesa que "me fixo especial ilusión ver ese interese do Club. Son plenamente consciente de todo o que lle debo ao Dépor ABANCA. Cheguei coa oportunidade de poder crecer, desenvolverme como futbolista nun contexto idílico. Tiña moi clara a miña postura. Quero devolverlle ao Club todo o que me deu desde o primeiro momento, toda a confianza que se depositou en min. Con esta renovación teño a oportunidade de consolidarme máis, de poder permitir que o Dépor ABANCA siga moitos máis anos en Primera División. Estou moi contenta, ilusionada e moi agradecida por todo isto".
A centrocampista branquiazul desvela que "non o pensei moito. Tíñao moi claro desde o primeiro momento. Estar aquí, a vida aquí, poder traballar coa xente de aquí é unha ilusión tremenda".
Cre que "cada vez me estou atopando mellor" na Liga F. "Estamos a traballar moito para ese nivel que nos esixe a categoría, que nos esixe a nós", engade.
É consciente de "a importancia de estar aquí todos estes anos, de estar ben, de estar para competir ao máximo nivel".
Eva Dios define Dépor ABANCA como "ilusión, compromiso; e o que é estar aquí e pertencer a algo como isto énchenos de ganas, de enerxía".
Finalmente laméntase da derrota no último partido ante a SD Eibar "sobre todo polo contexto do partido, por como se deu" e asegura que "nos seguimos atopando ben, o equipo está ben. Seguimos coas mesmas ganas de poder seguir rendendo".
E do partido ante o Real Madrid CF deste sábado 15 de marzo ás 12:00 (Dazn) no Estadio Alfredo Di Stéfano di estar "con moitas ganas. Hai que tentar sacar os 3 puntos".