Fernando Vázquez sabe o que significaba o partido ante o RC Celta B para o deportivismo, tal e como explicou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR: "É unha derrota dolorosa. Comparto ese sentimento e que veña especialmente nestas datas. Perder contra o filial do teu competidor na máxima categoría en Galicia... Sabía que algunha derrota iamos ter. Non esperaba que fora hoxe, esperaba que fora máis lonxe ou que nunca ocorrese".
Reitera que se trata "dunha derrota imprevista polo menos pola miña banda. Sinto darlle esta tristeza ao deportivismo, que non foi no mellor momento, pero recuperarémonos e seguiremos para alcanzar o que temos que alcanzar, que é volver a Segunda División A".
O técnico deportivista, sobre o partido, admite que "nos faltou calma, tranquilidade para mover a pelota con precisión, con claridade para o obxectivo final que é chegar á meta rival. Perdémolo e estivemos máis descontrolados. Iso é o que pasou. Difícil de entender porque estaba satisfeito a pesar de que nos fixesen dous goles. Iamos dous a un abaixo pero, xogando con calma e tranquilidade igual que no primeiro tempo, teriamos opcións de remontar o partido. Cousa que non ocorreu. Despois buscamos solucións pero perdemos o control un pouco. Non sei como foi a posesión no segundo tempo pero o balón estivo máis discutido cando no primeiro tempo fomos claramente propietarios del".
Define o encontro como "un pouco accidente, accidental. Sufrimos dous tiros e dous goles. Iso pode ocorrer. Pasoulle hoxe ao Deportivo".
Pola súa banda, Onésimo Sánchez, técnico do RC Celta B, asegurou que "nos custou de inicio porque o Dépor é un gran equipo. Nos habemos ir asentando e a partir de aí chegamos bastante ben, diferenciamos por momentos a transición rápida para facer dano ao Dépor en conducións e pases".
Na súa opinión, o seu equipo "foi fiel a unha idea e ao final conseguiu o premio", recalcou.