Florin Andone, Xogador Estrella Galicia por segundo mes consecutivo
A Cidade Deportiva de Abegondo acolleu a entrega do premio ao Xogador Estrella Galicia do mes de febreiro no Real Club Deportivo, outorgado pola afección branquiazul, por segundo mes consecutivo, ao dianteiro internacional romanés Florin Andone.
No mes máis curto do ano os tres finalistas seleccionados polos medios que cobren a diario a información do RC Deportivo foron Andone (17 votos), Mosquera (13 votos) e Adrián (11 votos). Os partidos a avaliar eran os disputados contra Real Sociedad, Betis, Alavés, Espanyol e Getafe. Nas votacións en Twitter e Facebook, os apoios repartíronse así: 2.817 votos en Twitter (69% Andone, 16% Mosquera e 15% Adrián) e 176 en Facebook (73,9 Andone, 10,2% Mosquera e 15,9% Adrián).
Deste xeito Andone consegue o primeiro dobrete (xaneiro e febreiro) no cadro de honra do premio ao Xogador Estrella Galicia 2017-2018, xunto a Luisinho (setembro), Fede Valverde (outubro), Fabian Schär (novembro) e Adrián López (decembro)
O dianteiro internacional romanés recolleu o premio de mans de Lavic Bat de Cartal & Fenix. Este, pola súa banda, fixo entrega dunha camiseta asinada e enmarcada.
Após o acto, agradeceu o apoio recibido para lograr este galardón: "á afección, a toda a xente que me votou. É un premio bonito e aínda que está claro que a situación non é a mellor, sempre saca un sorriso recibir premios. Imos pelexar até final de temporada, ímolo a dar todo para tentar acabar con orgullo porque quedan moitos puntos en xogo e temos que terminar coa cabeza ben alta e dándoo todo para sacar isto adiante porque aínda é posible", finalizou.