Héctor Hernández, na súa presentación: "Ao Deportivo non se lle pode dicir que non, sexa a categoría que sexa"
Héctor Hernández Ortega (Valladolid, 23 de maio de 1991) foi presentado esta mañá como novo xogador do Deportivo.
O novo defensor branquiazul, acompañado por Richard Barral, Director de Fútbol do Club, posou para os medios gráficos na zona habilitada para tal fin na Cidade Deportiva coa súa nova camiseta.
A continuación, Héctor quixo mostrar o seu agradecemento antes de nada "ao Presidente, ao Director Deportivo e ao adestrador pola confianza depositada en min".
Asegura ademais que "ao Deportivo non se lle pode dicir que non sexa a categoría que sexa. É un grande do noso fútbol. Sentimos na obrigación de devolverlle onde merece".
É consciente "da esixencia deste novo formato da Segunda B. Pero somos o Dépor e temos un reto moi importante na cabeza, un obxectivo moi claro que é o ascenso. Partido a partido imos ir a por iso".
A pesar de que se considera "afectado", na súa condición de ex futbolista do CD Numancia, e pensa que "se adulterou a liga" polo sucedido na última xornada co CF Fuenlabrada, advirte que "iso xa é pasado. Hai que centrarnos neste ano, neste escudo eu. E conseguir os obxectivos que non é outro que o ascenso á liga profesional".
Cre Héctor que "temos un equipo moi competitivo. Temos que traballar todos moito no día a día, nos adestramentos. Traballando seguro que chegamos a bo porto".
Sobre a categoría, o defensor deportivista destaca que "é un formato novo, máis esixente. Nós co equipo que somos, co Club que levamos, debemos de traballar e pelexar todos xuntos para conseguir o obxectivo, que non é máis que o ascenso a Segunda División".
Cualifica este ano como "importante, cun obxectivo. E temos moi claro sobre todo pelexar pola meta que todos queremos".