Imanol Idiakez subliñou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que "evidentemente" espera unha segunda volta para o Dépor mellor que a primeira que conclúe este domingo 14 de xaneiro ás 18:00 no Estadio Reino de León (FEF TV) ante a Cultural Leonesa: "Sabemos todos cal é o obxectivo e onde queremos chegar".
Lembra o técnico deportivista que o inicio de temporada foi "moi accidentado. Desde Lugo que saímos como saímos, a partir da xornada seguinte houbo moitos accidentes. Tivemos que remar moito con vento en contra. A pesar de todo iso, o equipo demostrou coraxe, personalidade, resiliencia".
Sostén que "chegamos até aquí a base de pelexar moito contra todas as adversidades que tivemos e eu creo que é un valor importante para un equipo de fútbol, ser capaz de resistir, de pelexar, de non renderse. É un aceno de identidade que o equipo, que o vestiario ha ir adquirindo e é unha boa noticia. Evidentemente a nivel de resultados queremos mellorar por suposto, e para empezar o domingo; pero isto non vai de facer plans a longo prazo, vai de centrarse no seguinte paso. O fútbol profesional non permite outra situación máis que centrarse no seguinte e o seguinte é León. Seguramente para mellorar ese camiño a mellor maneira é gañar o domingo en León á Cultural, que nos daría outro impulso cara arriba".
Precisamente cualifica o do domingo como "un encontro moi bonito. É un partido moi interesante, un rival que está a facer un temporadón, que en casa está fortísimo, que xoga moi ben ao fútbol, que é un equipo valente, atrevido, que vai buscar aos rivais, que quere ter o balón".
Así pois, vaticina "un escenario parecido ao da semana pasada", no partido en ABANCA-RIAZOR ante a Real Sociedad B, con "rivais dos de arriba que che van a mirar aos ollos, que che van a expor partidos seguramente abertos. É un bo reto, ser capaces de manter fóra de casa o rendemento que case toda a temporada estamos a manter especialmente algúns días, ser capaces de enfrontarnos a un rival que está na parte alta da táboa, que de gañar achegaríanos un pouquiño máis aínda nesta remontada que estamos a tentar e a verdade que creo que é un partido moi atractivo".
Finalmente quixo agradecer a Ian Mackay "todo o traballo que fixo tanto como xogador e como capitán. Deixou a súa semente aquí. É un deportivista máis e desexarlle o mellor".