Irene Ferreras recibe mañá martes o premio á mellor adestradora de Primera Federación Iberdrola na temporada pasada
Irene Ferreras (4 de marzo de 1989, Fuenlabrada), responsable técnico do Deportivo ABANCA, recibe mañá martes 24 de outubro ás 19:00 horas na Cidade do Fútbol o premio Ramón Cobo á mellor adestradora da temporada pasada en Primera Federación Iberdrola, concedido polo Comité de Adestradores da RFEF.
O galardón recoñece "os resultados deportivos da temporada 2022-2023 unidos á exemplaridade como adestradora no seu comportamento, o respecto e o espírito de deportividade", como apunta o propio organismo federativo.
Entre os premiados atópanse tamén Jagoba Arrasate (CA Osasuna), Paco López ( Granada CF), Cristóbal Parralo (Racing de Ferrol) ou Haritz Mújika (SD Amorebieta).
Irene Ferreras chegou a Abegondo a temporada pasada, na que por dúas ocasións quedou a un gol de lograr o ascenso das Nosas á liga F. Esta campaña, con 5 vitorias en 6 partidos, o Dépor ABANCA é líder en solitario da categoría.
A súa traxectoria profesional levouna ademais polos bancos do Olímpico de Moratalaz, La Solana FF, Rayo Vallecano, Valencia CF e Real Madrid, neste caso como segunda adestradora.
Todo un exemplo dentro e fóra dos terreos de xogo, no barrio de Loranca da súa cidade natal, Fuenlabrada, o campo municipal de fútbol leva o seu nome desde o pasado 2020. "Hai que facer bandeira da cidade e iso só fano referentes deportivos como Irene Ferreras", declarou o día da súa homenaxe o alcalde de Fuenlabrada, Javier Ayala.