RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Joselu advirte que hai que "gañar en casa todo o que nos queda"

Joselu foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo. Valorou positivamente os dous partidos consecutivos que leva no once inicial do Deportivo, ante FC Barcelona e Celta: "Un xogador cando ten minutos sempre se sinte mellor, sobre todo mentres poida achegar cousas ao equipo".

Cre que para ver ao mellor Joselu no Deportivo falta "confianza e minutos. Ao final co outro adestrador (Gaizka Garitano) non tiven esa confianza, non tiven eses minutos. Foi unha etapa bastante mala nese aspecto. Son dos xogadores que menos minutos tivo en toda a temporada, quitando a lesión. É un factor importante para un profesional. Houbo moitos períodos da etapa de Garitano que non comparto con el nese aspecto. Agora estou un tramo bo, un tramo feliz porque estou a achegar cousas ao equipo", engade.

Por este motivo, Joselu agora sente importante: "Un xogador o que necesita é esa confianza que non tiña antes. Agora co cambio de adestrador estas dúas últimas xornadas estiven xogando. Acheguei bastantes cousas ao equipo. Esperemos que co traballo de todas as semanas poida continuar con esa confianza".

Non quere participar Joselu nun debate sobre se debe xogar el ou Florin Andone, ou os dous á vez: "Tanto el como eu adestramos para xogar o fin de semana. Daquela o adestrador é o que decide. Non entro nese tema. Somos dous xogadores que achegamos cousas ao Deportivo e o que queremos os dous é axudar ao máximo".

Sobre a situación do Deportivo na competición ligueira, o dianteiro galego apunta que "quedan dez finais para nós. Témolo que ver desa maneira. Ao final sacamos bos resultados estas últimas xornadas. Nun derbi pode pasar de todo, ao final decantouse polo lado do Celta. Nós o que temos que facer é traballar como o seguimos facéndo. Agora a pensar na semana que vén en que viaxamos a Valencia (domingo 2 de abril ás 18:30, Bein Sports). Tentar fóra de casa non perder moitos puntos e sobre todo en casa gañar todo o que nos queda".

Preguntado sobre os cánticos dirixidos á súa persoa por parte da afección do Celta presente en Riazor no pasado derbi, Joselu, criado futbolísticamente na canteira celeste, réstalle importancia: "Véxoo normal. En España pasa en todos os estadios. Fun un xogador que mamei toda a infancia no Celta. Cheguei con 11 anos. Funme sendo profesional. Está claro que xogar no eterno rival ten esas consecuencias. Ao final isto é fútbol. Os afeccionados pensan dunha maneira. Non lle dou importancia", conclúe.