O Deportivo desprázase esta tarde a Madrid con 18 futbolistas, entre eles o canteirán Mujaid, para visitar mañá domingo 9 de febreiro o Estadio Santo Domingo de Alcorcón (12:00 horas, Movistar LaLiga 1).
Estréanse nunha convocatoria os dous últimos reforzos branquiazuis: JovanoviÃÂ e Keko Gontán. A ambos referiuse Fernando Vázquez en rolda de prensa. "Hoxe vino parar e quedeime impresionado", dixo do meta serbio. De Keko, apuntou que "é un rapaz que o colles, empeza a adestrar e parece que está en forma. Son destes xogadores cunha axilidade, unha velocidade... O que non sabes é o que lle dura a gasolina. Pero está preparado para xogar perfectamente".
Quedan fóra da convocatoria de maneira forzosa os lesionados Sabin Merino e Claudio Beauvue; circunstancia que foi definida polo técnico deportivista como "un contratempo importante. Os dous teñen unha lesión que lles impide xogar pero é un pouco asintomática. Poderían xogar porque eles non senten dor. Pero corremos o risco de que quedasen fóra para 4 ou 5 semanas". Tampouco entraron de maneira obrigatoria Christian Santos e Salva Ruiz, aínda sen a alta médica, que apuntou o técnico deportivista que "poderían recibir o luns".
Esta mañá, ademais coa meta canteirán Álex Cobo, o técnico deportivista dispuxo, após un quecemento e uns rondos, dunha tarefa de posesión e un partido a metade de campo 2, de alta intensidade.
O equipo desprázase esta mesma tarde, segundo esta folla de ruta:
Sábado 8 de febreiro
16:20: Saída do voo do Aeroporto da Coruña con destino Madrid - Adolfo Suárez
17:30 (horario aproximado): Chegada a Madrid e traslado ao Hotel NH Alcorcón
Domingo 9 de febreiro
12:00: AD Alcorcón - RC Deportivo, no Estadio Santo Domingo
18:40: Saída do voo do Aeroporto de Madrid - Adolfo Suárez
19:55 (horario aproximado): Chegada ao Aeroporto da Coruña
Concluído o choque no Estadio Santo Domingo, o técnico deportivista citou de novo a todo o seu cadro o luns 10 de febreiro ás 10:30 en Abegondo.