Mario Soriano e Roberto Olabe pasáronse pola zona mixta do Estadio José Luis López de la Hoz-Matapiñonera, unha vez concluído o partido ante a UD Sanse.
O atacante madrileño márchase con "sensacións boas e malas. O equipo competiu moi ben. Esperabámonos este partido, un campo que sabiamos que non ían regar. O céspede non estaba en boas condicións e costa moito xogar. Pero xogamos moi ben, competimos ben, tivemos as nosas ocasións. Se acertásemos as que tivésemos, gañaríamos".
Na xogada na que pediu penalti, Mario Soriano lembra que foi "a mesma acción do ano pasado de Álex Bergantiños contra o Racing de Ferrol, o mesmo árbitro que pitou penalti en contra para nós. Eu vou rematar, ponme o pé o contrario, doulle a el e el dálle ao balón. Foi igual. Fóra da área pítanse sempre. Pero o árbitro decidiu que non é penalti e xa está. Hai que seguir".
Tamén lembra que a man, non sinalada como penalti, "foi igual que a de Olabe en San Fernando. El peitea o balón, o rival non lla espera e dálle na man. As dúas accións foron penaltis".
Mario Soriano finalmente comenta que o vestiario era consciente que "nos iamos a atopar un xogo máis directo. Tiñamos intención de xogar pero o campo estaba nunhas condicións que non se podía. Na segunda parte tivemos máis o balón, o control e chegaron máis ocasións. Ao empezar, as primeiras accións que tiramos o rival non as esperaba. Logo esperáronnos e tiñamos que ter un pouco máis de tranquilidade. Xa pensar no Talavera, traballar esta semana e conseguir os 3 puntos".
Pola súa banda, Roberto Olabe cre que o punto é "importante lonxe de ABANCA-RIAZOR. Sabiamos onde viñamos, ao equipo que nos iamos a enfrontar, ás circunstancias que se ían a dar no campo. Tivemos as nosas ocasións para pornos por diante pero é un punto positivo porque ao equipo víuselle doutra maneira lonxe de casa".
Advirte o centrocampista vasco que "temos que seguir puíndo cousas no día a día, con ganas e ilusionados de seguir neste camiño".
Recalca que o Estadio José Luis López de la Hoz-Matapiñonera é "complicado porque eles o teñen moi claro. Non estamos afeitos a este tipo de terreo de xogo. Estamos afeitos a que o balón vaia un pouco máis regular, máis rápido. Pero sabemos onde viñamos, non o usamos como escusa. Demostramos que o equipo ten vimbias e alternativas de xogo e tivemos preto a vitoria".
Olabe indica que lonxe de ABANCA-RIAZOR "puntuar é importante. É obvio que buscamos a vitoria sempre. Somos o Deportivo e sobran as palabras. Hoxe o equipo demostrou seriedade, competiu ben. Dando pequenos pasos imos conseguir liquidar os partidos fóra de casa de maneira diferente ao que vimos facendo".
Finalmente asegura que "todos os integrantes do cadro sabemos onde reside o éxito. O importante vai ser a final de temporada. Seguimos remando, seguimos traballando para estar o mellor preparados para cando veñan os partidos importantes, aínda que o máis importante sexa o seguinte".