Marlos Moreno: "Estamos moi seguros de que nos imos a salvar"
Marlos Moreno compareceu esta mañá na sala de prensa de Riazor, unha vez finalizado o partido amigable contra o Fabril. Preguntado pola súa adaptación ao fútbol europeo, agradeceu a confianza que nel está a depositar Pepe Mel, "e estame dando minutos. E iso estame axudando a levalo mellor".
Confesa que, do mesmo xeito que con Gaizka Garitano, "pídeme que ocupe ben os espazos, que explote a miña virtude, que é a velocidade".
Sobre a presenza do Presidente, Tino Fernández, no adestramento desta mañá en Riazor, apunta Marlos que "sempre nos xera confianza, que hai que insistir, seguir traballando, preparándose para o que vén".
A pesar de estar varios meses sen apenas entrar no equipo, Marlos Moreno asegurou que non está arrepentido de dar o salto ao fútbol europeo: "Arrepentido non. Cando un xogador de Sudamérica vén a Europa fáiselle complicado. Non son o único que me pasou isto. Eu estou moi tranquilo, que é o máis importante. Hai que seguir traballando, non baixar a garda. Teño moi boas condicións. Coa axuda de Deus e o traballo, sei que algún día vai explotar iso. Por iso estou moi tranquilo".
En canto ao seu futuro, advirte que "aquí a xente trátame fenomenal, teño uns grandes compañeiros, o corpo técnico tenme moita confianza. Hai que esperar a ver como termina o ano. No persoal, e o equipo tamén, trataremos de acabar da mellor maneira posible".
Neste sentido, destaca o atacante deportivista estar "a sumar minutos. Estou un pouco máis adaptado. Creo que é algo importante".
Ve ao equipo "moi tranquilo. Todos estamos encamiñados para lograr o obxectivo, que é salvarnos. Estamos moi seguros de que así vai ser".
Lembra o internacional colombiano que "en partidos anteriores fixémolo moi ben e lastimosamente non se sacaron os resultados positivos. E hai partidos que se xogan mal e sácanse bos resultados. Hai que seguir traballando".