O Dépor ABANCA, "con moitas ganas de cambiar un pouco as cousas", retoma a Liga F mañá sábado en ABANCA-RIAZOR ante o FC Levante Badalona
O Dépor ABANCA retoma a competición mañá sábado 12 de abril ás 16:30 (Dazn) en ABANCA-RIAZOR ante o FC Levante Badalona, en partido correspondente á 25ª xornada na Liga F.
As Nosas, coa última derrota en Lezama, chegan ao choque con 23 puntos na 13ª posición da táboa.
Fran Alonso asegura que "temos moitas ganas de cambiar un pouco as cousas. Tivemos parón internacional, deunos tempo a reflexionar, a traballar coas xogadoras que se quedaron".
Insiste en que "temos a ilusión de sacar os 3 puntos porque fai bastantes partidos que non o conseguimos".
Cualifica o choque ante as catalás como "unha final, como veñen sendo as últimas xornadas".
O certo que o equipo unicamente hoxe puido traballar co cadro de persoal ao completo após a chegada onte xoves das últimas internacionais: Patrícia Hmírová, Michi Apóstol e Francisca Lara.
O mércores xa se adestrou Inês Pereira e o martes Ainhoa Marín despois dos seus dous partidos coa selección española sub-23.
Seguen sen traballar co grupo Cris Martínez e Henar; e aclara o técnico deportivista que "as que viñeron dos partidos internacionais terémolas que ver. Chegaron onte, non adestraron. Temos que ver as que viñeron de América. O resto está ben; e as que viñeron antes, como Ainhoa Marín, están a adestrar co grupo".
Pola súa banda, o FC Levante Badalona, que no último partido empatou (0-0) no seu campo ante o Sevilla FC, é 11º con 24 puntos.
Na ida disputada o pasado 6 de outubro en Badalona (5ª xornada) caeu o Dépor ABANCA pola mínima (1-0).
Con tres internacionais españolas nas súas filas, o equipo catalán esta temporada lonxe do Municipal de Badalona gañou ao Sevilla FC (0-1); empatou coa Valencia Féminas (1-1), Granada CF (1-1), Levante UD (1-1) e UD Costa Adeje Tenerife Egatesa (1-1); e perdeu coa Real Sociedad (2-1), Real Betis Féminas (4-3), Athletic Club (1-0), FC Barcelona (6-0), Real Madrid CF (3-2) e SD Eibar (1-0).
Finalizado o encontro, As Nosas adestraranse de novo o domingo 13 de abril ás 10:40 en Abegondo.