O Dépor ABANCA concluíu unha semana sen fútbol pero con recoñecemento ao labor de Irene Ferreras en Abegondo
O Dépor ABANCA puxo hoxe xoves, cun chuvioso último adestramento, o punto e final a unha semana sen fútbol debido aos compromisos da selección española.
A pesar de non haber liga, As Nosas completaron estes días 3 sesións de traballo en Abegondo, con ximnasio previo antes de saltar ao céspede.
Non houbo competición pero si recoñecemento do mundo do fútbol ao labor de Irene Ferreras, galardoada polo Comité de Adestradores da RFEF como mellor adestradora da temporada pasada en Primera Federación Iberdrola.
A preparadora deportivista, que estivo acompañada polo Conselleiro do Club Carlos Ballesta nun acto celebrado na Cidade do Fútbol de Las Rozas (Madrid), compartiu premio con Jagoba Arrasate (CA Osasuna), Paco López ( Granada CF), Cristóbal Parralo (Racing de Ferrol) ou Haritz Mújika (SD Amorebieta), entre outros.
O Comité de Adestradores subliña neste recoñecemento "os resultados deportivos unidos á exemplaridade como adestradora no seu comportamento, o respecto e o espírito de deportividade", segundo apunta o propio organismo federativo.
Cunha fin de semana libre, o Dépor ABANCA adestrarase de novo o luns 30 de outubro ás 10:00 en Abegondo.
A próxima cita ligueira para As Nosas será o domingo 5 de novembro ás 12:00 no campo Manuel Sánchez Delgado fronte ao Cacereño Feminino.