RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor, ante o reto "ilusionante de ser capaces de competir un partido como o que nos imos a atopar en Anduva" mañá domingo ás 18:30

O Dépor mídese mañá domingo ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion) ao CD Mirandés en partido correspondente á 35ª xornada en LaLiga Hypermotion. 

Fronte a fronte estarán o segundo mellor local contra o segundo mellor visitante da categoría.

Alessio Lisci, técnico do CD Mirandés, afirmou do Dépor que "xogan ben pero son letais en transición porque cos 3 mediapuntas que teñen mátanche. É un equipo que polas súas características ten tendencia a facer moitos puntos fóra de casa. Están a facer unha gran campaña, teñen un moi bo equipo".

Advertiu Óscar Gilsanz na sala de prensa que "para nós é moi ilusionante ser capaces de adaptarnos e competir un partido coas circunstancias que nos imos a atopar en Anduva".

Despois do triunfo (1-0) ante o Cádiz CF do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR, e con Os Nosos situados na 11ª posición con 48 puntos, o técnico deportivista admitiu que "é normal que a xente se ilusione cando tes bos resultados. Agora mesmo os datos din que estamos a 6 puntos do play off e a 9 dos postos de descenso co cal é normal que a xente se ilusione".

A semana deixou no Dépor a renovación de Ximo Navarro até xuño de 2026 e a confirmación da lesión de Dani Barcia no recto anterior que o terá á marxe do equipo xa para o que resta de temporada.

Ademais de ambos os futbolistas tamén son baixa por lesión Escudero e Gauto, aínda que o primeiro adéstrase co grupo condicionado ao seu proceso de recuperación.

Antes de viaxar por estrada a Miranda de Ebro, Os Nosos realizaron esta mañá unha última sesión de adestramento no campo 3, consistente nunha activación con roldo, un exercicio táctico, fútbol reducido e un último repaso ás accións a balón parado.

Mardones foi o representante de #ANOSACANTEIRA.

Pola súa banda, o CD Mirandés, que o pasado domingo caía (1-0) en Zaragoza, chega ao encontro na 4ª posición con 58 puntos.

Óscar Gilsanz explicou aos medios de comunicación que o CD Mirandés "estrutúrase con 3 centrais, 2 carrileros moi profundos, 3 xogadores por dentro que xogan a diferentes alturas e con moita mobilidade, e 2 dianteiros de diferentes características (un de área e outro de espazos)".

Na ida disputada en ABANCA-RIAZOR o pasado 22 de decembro, venceron claramente os burgaleses por 0-4 nun partido no que os branquiazuis apenas tiveron opcións.

O preparador deportivista lembra que "viñamos dunha vitoria entre semana ante o CD Castellón por un resultado avultado. Nin fomos tan inferiores ao CD Mirandés para encaixar ese 0-4 nin tan superiores ao CD Castellón para ese 5-1 que levamos".

Opina que o partido "até o primeiro gol foi moi igualado e moi disputado. A partir de aí si que foi moi superior a nós e a través da transición superounos. Temos que aprender desas cousas, que nos pode ensinar por onde pode transcorrer o partido".

No seu campo esta temporada o CD Mirandés gañou ao Córdoba CF (1-0), Albacete Balompié (2-0), SD Huesca (1-0), SD Eibar (1-0), FC Cartagena (3-1), CD Eldense (1-0), Levante UD (2-1), Málaga CF (3-2), Elche CF (3-0), Racing de Ferrol (4-1), CD Tenerife (2-0), Real Oviedo (1-0) e Real Racing Club (2-1); empatou co Real Zaragoza (0-0), Cádiz CF (2-2) e Sporting de Gijón (1-1); e perdeu co Granada CF (0-1).

Alessio Lisci vaticina un partido "moi duro" e cre que a dinámica do seu equipo "é boa. Estamos ben, estamos nunha posición na clasificación espectacular. Os ánimos están moi arriba, estamos moi contentos e imos tentar seguir facendo o que estamos a facer".

Finalizado o encontro, Os Nosos regresan en autocar á Coruña e adestraranse de novo o luns 14 de abril ás 12:00 en Abegondo.