RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor comeza a pretemporada con goles e homenaxes (6-0)

O Deportivo venceu con solvencia o seu primeiro compromiso da pretemporada 2023-24, ao Atlético Arteixo en ABANCA-RIAZOR, no I Memorial Arsenio Iglesias que enfrontou aos equipos do corazón e da localidade natal do 'Raposo de Arteixo', lenda deportivista falecida hai pouco menos de tres meses.

O Dépor foise ao descanso cunha vantaxe de 4-0. O primeiro tanto chegou nun penalti por cambadela de Diego Vela sobre Yeremay que transformou Lucas aos 7 minutos de xogo.

Dous minutos despois, Tim Caroutas disparou ao lateral da rede após un pase en profundidade de Yeremay. Recentemente superada a media hora, nunha acción similar, Lucas fixo o 2-0. Novo pase en profundidade de Yeremay que esta vez si levou ao fondo das mallas o '7' deportivista.

Nos seguintes cinco minutos chegaron os outros dous goles. O 3-0 foi obra do primeiro australiano da historia deportivista, o dianteiro fabrilista Tim Caroutas, que enviou ao fondo das mallas co seu pé dereito un balón que lle chegou rebotado dun defensa após un remate de Yeremay. Poucos segundos despois, delicatessen de Yeremay, cun toque coa dereita de parado, sen carrerilla, poñendo a pelota no recanto máis afastado.

A piques de chegar ao descanso, Otero dispuxo da mellor ocasión branquivermella, nun man a man con Mackay que o porteiro deportivista desviou a córner nunha gran intervención.

Após cambiar aos once xogadores no descanso, o Dépor aumentou a súa vantaxe á hora de xogo. Foi nun córner en curto xogado por Víctor Narro e Davo, continuado por un pase interior do mallorquino para Isi Gómez e asistencia deste ao punto de penalti para Barbero, que armou velozmente un disparo raso lonxe do alcance do porteiro arteixán.

Despois dunha serie de ocasións en disparos afastados de Davo, José Ángel e Isi Gómez, chegou o sexto tanto, no minuto 71, de novo obra de Barbero. Unha gran acción de Retu con dous recortes no extremo esquerdo e servizo interior para o novo '9' deportivista, que bateu a Ramón despois de regatealo ao bordo da área pequena.

RC Deportivo: Mackay (Alberto, min. 46), Paris Adot (Santamaría, min. 46), Jaime (Somolinos, min. 46), Barcia (Pablo Martínez, min. 46), Balenziaga (Retu, min. 46), Diego Villares (José Ángel, min. 46), Brais Val (Isi Gómez, min. 46), Tim Caroutas (Kevin, min. 46), Lucas (Davo, min. 46), Yeremay (Víctor Narro, min. 46) e Martín Ochoa (Barbero, min. 46).

Atlético Arteixo: Ramón, Diego Vela (Sito Pais, min. 46), Fito (Pablo Agulló, min. 46), Antonio, Iván (Manu Rivas, min. 46), Edu Agulló (Berna, min. 46), Óscar Varela (Nico Barizo, min. 67), Fabio (Hugo García, min. 81), Iker Castro (Naya, min. 46), Otero (Rubén Martínez, min. 81) e Pablo Ramos (Sergio Pereira, min. 46).

Goles: 1-0 Lucas, de penalti (min. 7); 2-0 Lucas (min. 32); 3-0 Tim Caroutas (min. 36); 4-0 Yeremay (min. 38); 5-0 Barbeiro (min. 60); 6-0 Barbeiro (min. 71).

Árbitro: Ruiz Álvarez (c. galego). Sen cartóns.

Incidencias: prime partido da #DéporXiraAugaDeParada, correspondente ao I Memorial Arsenio Iglesias e disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 8.135 espectadores. Yago Iglesias, neto de Arsenio Iglesias, realizou o saque de honra e recibiu recordos de mans de Francisco Gil, presidente do Atlético Arteixo, e de Álvaro García Diéguez, Presidente do RC Deportivo. No descanso foi homenaxeado Lionel Scaloni, un dos únicos 18 xogadores que superaron os 300 partidos oficiais coa camiseta branquiazul e que a finais do pasado ano dirixiu a Arxentina a conquistar o seu terceiro título mundial, que recibiu a insignia de ouro e brillantes do RC Deportivo.