RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor deixa os tres puntos no tempo engadido (2-1)

O Deportivo caeu en Fuenlabrada nun partido que tiña gañado no minuto 2 do tempo engadido pero que perdeu ao encaixar dous goles nos tres minutos restantes de prolongación e no que volveu verse prexudicado por unha errónea decisión do árbitro, que non quixo expulsar a un defensa do equipo madrileño no minuto 5.

O adestrador deportivista, Imanol Idiakez, realizou un só cambio con respecto ao once presentado na pasada xornada ante o UE Cornellà en ABANCA-RIAZOR. Lucas, após cumprir dous partidos de sanción, regresou ao equipo titular en detrimento de Cayarga.

Precisamente o capitán deportivista protagonizou a primeira acción perigo do partido. No minuto 3, o Dépor inventouse un veloz contragolpe no que quedaron catro branquiazuis –hoxe vestidos por primeira vez co equipamento galego desta campaña, #ADÉMigración–, fronte a dous fuenlabreños. Hugo Rama serviu en profundidade para Lucas, que regateou a Belman pero ao levantar a cabeza excesivamente escorado, deixou escapar a pelota pola liña de fondo.

No minuto 5, Lama cometeu unha clara falta a Lucas, ao que agarrou polo ombreiro e mesmo golpeou na caluga cando ía cara á portería, que o colexiado soamente castigou con cartón amarelo cando era merecedora de expulsión. A falta lanzouna o propio Lucas, superando por encima á barreira, e Belman despexou o coiro a córner.

Ese mesmo saque de esquina botouno Hugo Rama ao segundo pau, onde Diego Villares devolveuna cara á área pequena para a aparición de Pablo Valcarce que, tamén de cabeza, levou o esférico ao fondo das mallas. Foi o segundo gol da temporada do berciano.

No minuto 10, Lucas tentouno desde mediocampo cun duro zurdazo que superou por riba ao porteiro pero foise lixeiramente á esquerda da portería local. Tres minutos despois, os branquiazuis montaron un novo contragolpe após roubo de Lucas, que lanzou pola esquerda a Davo. O asturiano non puido bater a Belman, que despexou a córner coa man dereita.

O Dépor, como no Anxo Carro ante o CD Lugo, volvía completar un fantástico primeiro cuarto de hora.

O CF Fuenlabrada sacudiuse o dominio coruñés pero non lle valeu para xerar ocasións claras. A seguinte oportunidade tamén estivo en botas deportivistas. Ao fío da media hora, Lucas enganchou unha espectacular volea nun balón solto a 35 metros da portería que se foi por pouco á dereita da meta madrileña. Segundos despois, un disparo afastado de Hugo Rama, envelenado ao botar antes de chegar á portería, desviouno Belman saque de esquina.

Germán interveu por primeira vez no minuto 33, nunha volea de Barbosa desde 25 metros no rexeite dun córner que atrapou con seguridade lanzándose cara á súa dereita. Nos minutos finais, o Dépor contemporizou, tamén influído polos problemas físicos de Pablo Martínez e Mikel Balenziaga, e o CF Fuenlabrada gozou dos seus mellores achegamentos.

No minuto 43, Bravo tentou sorprender desde 30 metros e desde a liña de banda pero o seu zurdazo foise por riba do traveseiro. Xa en tempo de desconto, Benítez disparou desde a frontal da área coa súa perna esquerda, raso e cruzado. Germán blocou a pelota. E, finalmente, Bravo probou a sorprender de novo a Germán nunha falta directa, en acción similar ao seu disparo anterior, pero o porteiro branquiazul estivo atento para atrapar o esférico.

Os problemas físicos obrigaron a Balenziaga a quedar nos vestiarios no descanso. Dani Barcia saíu como lateral esquerdo. Ademais, David Mella, protexido da súa fractura nasal por unha mascara, substituíu a Davo.

Diego Villares probou fortuna cun dereitazo desde 25 metros que se foi alto no minuto 48. Pouco despois, no minuto 54, Martínez pediu o cambio polas molestias que arrastraba da primeira metade. No seu lugar entrou Jaime, que se situou como central dereito, desprazando a Pablo Vázquez á posición do francés.

Un triplo cambio no CF Fuenlabrada cambiou o escenario. Os locais comezaron a presionar máis, aínda que o seu dominio só valeulles para xerar unha oportunidade clara, no minuto 57, nunha internada de Sergio Benito pola esquerda con pase atrás para Barbosa, que rematou ás nubes.

O Dépor recuperou o control e no tramo final dispuxo de varias ocasións claras para sentenciar o encontro. No minuto 73 produciuse un contragolpe após un córner a favor do CF Fuenlabrada. Mella foise só polo esquerda pero estrelou o seu zurdazo contra o corpo do gardameta local. No minuto 81, Villares entrou na área pola dereita após unha parede con Pablo Valcarce e cedeu para Lucas, que desde o punto de penalti tentou colocar o seu zurdazo pero Belman adiviñoulle a intención para desviar a saque de esquina.

Os locais entón fóronse con todo arriba. No minuto 88, Jaime sacou de cabeza un centro ao bordo da área pequena un centro envelenado ao que Durán non chegou por milímetros. No terceiro minuto de tempo engadido chegou o empate. Un centro desde a dereita do ataque madrileño, pasado ao segundo pau, recolleuno Gómez, que volveu centrar para Sergio Benito que, de cabeza e completamente só, bateu a Germán.

O Dépor foise con todo a polo segundo gol e forzou un saque de esquina cando xa se cumprían os catro minutos de tempo engadido sinalados polo cuarto árbitro. Villares dispuxo dunha cabezada clara pero non puido precisar o seu remate. Salva Sevilla perdeu a pelota na frontal na segunda acción e nunha velocísima contra, Sergio Benito plantouse só ante Germán e bateuno por baixo para completar a remontada local.

É a primeira derrota do Dépor no que vai de temporada, que deixa aos branquiazuis con 7 puntos despois de 6 xornadas.

CF Fuenlabrada: Belman, Sotillos, Lama, Alba, Barbosa, Benítez (Durán, min. 83), Galindo, Fer Ruíz, Bravo (Cristóbal, min. 54), Dani Nieto (Gómez, min. 54) e Ilies (Sergio Benito, min. 54).

RC Deportivo: Germán, Paris Adot, Pablo Vázquez, Pablo Martínez (Jaime, min. 54), Balenziaga (Dani Barcia, min. 46), Diego Villares, Jose Ángel, Pablo Valcarce (Cayarga, min. 84), Hugo Rama (Salva Sevilla, min. 71), Davo (Mella, min. 46) e Lucas.

Goles: 0-1 Pablo Valcarce (min. 8); 1-1 Sergio Benito (min. 90+3); 2-1 Sergio Benito (min. 90+5).

Árbitro: Alexandre Alemán Pérez (c. canario). Expulsou ao preparador físico do CF Fuenlabrada, Raúl Muñoz (min. 90+1). Cartón amarelo a Lama (min. 6), Sotillos (min. 63), o segundo adestrador deportivista Mario Gibanel (min. 74), Fer Ruiz (min. 90+1), Cristóbal (min. 90+4), Dani Barcia (min. 90+5) e Lucas (tras finalizar o partido).

Incidencias: partido da 6ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no estadio Fernando Torres.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK