O Dépor enfócase nas cousas que podemos facer mellor e tentar corrixir
O Deportivo recuperou esta mañá en Abegondo o horario matinal despois da sesión vespertina de onte luns.
Conscientes, segundo apuntou Fernando Soriano en rolda de prensa, que o pasado sábado no arranque ligueiro ante o CF Rayo Majadahonda o equipo "dominou, creou, xerou ocasións suficientes como para poder levar o partido pero non foi suficiente, debemos mellorar aspectos".
Nesta liña, a mañá arrincou na sala de vídeo para "ver as cousas que podemos facer mellor, tentar corrixir", segundo apuntou o Director Deportivo branquiazul, aínda que recalca que "xogando como o outro día o normal é que che leves os 3 puntos, pero o fútbol ten estas cousas, estas dificultades. O rival tamén xoga, logrou manter a portería a cero e levou un punto".
Xa no céspede, e após unha activación con golpeos e unha roda de pases, Imanol Idiakez dispuxo un xogo de posición con porterías pequenas; e, a continuación, fútbol reducido para un grupo e finalizacións específicas para outro.
Alberto Retuerta estivo hoxe con permiso do Club por motivos estritamente persoais e Kuki Zalazar, segundo explicou Fernando Soriano, "ten permiso hoxe e mañá para arranxar a súa situación".
Mella, Barba, Jairo, Martín Ochoa, Diego Gómez e Rubén López foron hoxe os representantes de ANOSACANTEIRA.
Mañá mércores, o Dépor altera a planificación semanal. Os Nosos adestraranse en Abegondo ás 10:30 e non en ABANCA-RIAZOR, como inicialmente estaba previsto.