RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FUNDACIÓN

O Dépor Genuine arrinca en Tarragona LaLiga Genuine 2024-25

O Dépor Genuine arrinca LaLiga Genuine 2024-25, unha competición de fútbol desenvolvida por LALIGA, a través da súa Fundación, e pioneira en promover a integración de persoas con discapacidade intelectual na sociedade a través do fútbol. 

Intégrana 47 equipos procedentes de toda a xeografía española, con algo máis de 1.200 xogadores e xogadoras; e asentada como un referente no deporte inclusivo e unha celebración da diversidade.

Os equipos quedaron divididos en 2 grupos baixo os nomes de Compañeirismo e Respecto, dos que sairán dous campións deportivos e dous de fair play cando finalice o calendario, que estará dividido en 4 fases, distribuídas en 6 sedes.

A primeira das 6 paradas será esta fin de semana Tarragona, co Nàstic de Tarragona como club anfitrión, que recibiu a todos os equipos Genuine até mañá domingo 24 de novembro no Fútbol Salou Sports Centre. A cerimonia de inauguración foi onte á noite no Nou Estadi Costa Daurada (na foto da noticia).

Os rivais branquiazuis son o CD Tenerife EDI, Fundación Albacete e Fundación Barça, con estes horarios:

Sábado 23 de novembro
10:00: DÉPOR GENUINE - FUNDACIÓN BARÇA
16:30: DÉPOR GENUINE - FUNDACIÓN ALBACETE

Domingo 24 de novembro
12:00: DÉPOR GENUINE - CD TENERIFE EDI

Abegondo, unha das sedes da segunda fase

A segunda fase será na Coruña para un grupo e en Paterna (Valencia) para outro. 

No caso do Dépor Genuine o escenario é a Cidade Deportiva de Abegondo, por segunda temporada consecutiva, os días 15 e 16 de marzo, co Real Valladolid e CD Leganés como rivais.

A terceira fase, tamén entre as sedes de Vila-Real e Burgos, será para os deportivistas na Cidade Deportiva burgalesa o 10 e 11 de maio. SD Eibar Fundazioa e Getafe CF mídense ao Dépor Genuine.
 
Para finalizar, do 30 de maio ao 1 de xuño terá lugar a máis que esperada gran final da competición que reunirá aos 47 equipos que a compoñen. O Athletic Club será o encargado de recibir a toda a gran familia Genuine na súa Cidade Deportiva de Lezama, onde se disputarán os últimos e máis emocionantes encontros da edición. Valencia CF, FC Cartagena e UD Almería enfrontaranse aos deportivistas.

LALIGA GENUINE é un proxecto que fomenta a igualdade, a tolerancia e o respecto mediante a forza do fútbol, pero tamén mediante programas de inclusión sociolaboral e de apoio á formación dos seus integrantes.