RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor márchase de Anduva cun punto e "con esa sensación de que somos capaces de competir nun partido que tivo de todo"

O Dépor empatou (2-2) co CD Mirandés en Anduva nun partido que "tivo de todo", tal e como manifestou Óscar Gilsanz na sala de prensa pospartido.

Ese punto "dános esa sensación de que somos capaces de competir nun partido que tivo de todo: momentos bos, momentos que sofres, momentos nos que tes que xestionar o que pasa coas decisións... Déixanos un pouco a medias co que queriamos pero temos que valorar este punto e facelo bo o vindeiro domingo en ABANCA-RIAZOR", manifestou. 

Con este resultado, Os Nosos quedan con 49 puntos na 11ª posición de LaLiga Hypermotion. 

Fronte a fronte atopáronse esta tarde o 2º mellor local, con só unha derrota no que vai de liga no seu estadio (ante o Granada CF) e con todo vitorias no 2025, co 2º mellor visitante de LaLiga Hypermotion.

Óscar Gilsanz non puido contar cos lesionados Gauto, Escudero, Dani Barcia, Obrador e Ximo Navarro, renovado recentemente até xuño de 2026.

Así pois, o Dépor repetiu o once co que arrincou o partido ante o Cádiz CF de hai unha semana en ABANCA-RIAZOR con só unha variación: Barbero relevou a Eddahchouri na punta de ataque.

"Entramos ben. Fomos capaces de dificultar a un Mirandés ao que é moi difícil oporse. Tanto ten capacidade para xogar en curto e asociarse para poder progresar como o xogo directo sobre Panichelli e habilitar aos xogadores de ataque que obriga a defender área", tal e como explicou o preparador deportivista.

Ao minuto de xogo, Yeremay estrela un balón no poste dereito da meta de Raúl Fernández após unha boa combinación con Mario Soriano.

Ao minuto seguinte, Petxarroman mete un gran pase en profundidade a Villares, que bate por baixo á meta burgalés e pon en vantaxe ao Dépor. Cuarto gol do canteirán na súa primeira temporada no fútbol profesional.

Seguiu acumulando ocasións os branquiazuis, hoxe en Anduva co equipamento "A DÉ Brasil". Nun veloz contragolpe Mella centra á área, saca a defensa e o balón cae a Mario Soriano na frontal da área, que libre de marca dispara alto.

O CD Mirandés apertou en busca do empate. Aos 16 minutos, Izeta dispara ao pau esquerdo da portería de Helton Leite.

O encontro equilibrouse e as ocasións de gol escasearon neste tramo do partido.

Á media hora, Mella recibe en profundidade de Barbero e o seu disparo, raso, acaba nas mans da meta Raúl Fernández.

Puido empatar o CD Mirandés aos 35 minutos grazas a penalti sinalado polo VAR por presunta falta de Pablo Martínez a Panicelli. Lachuer mandou o balón ao pau dereito da meta deportivista.

"Aí si que cambiou un pouco a situación do partido por ese tempo parado", opinou o técnico branquiazul.

Con vantaxe para o Dépor chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, Yeremay tivo a primeira da segunda metade. Márchase do seu par, ingresa na área e o seu disparo despéxao como pode Raúl Fernández.

"Contabamos esa saída forte do CD Mirandés. Tratamos de seguir afastando da nosa área ao rival pero non fomos capaces", sinalou Óscar Gilsanz.

Empatou o CD Mirandés grazas a Joel Roca, que cabeceou á rede o rexeite dun disparo ao pau de Panichelli. Corría o minuto 53.

Apertaron os burgaleses dispostos a aproveitar o gol para darlle a volta.

E fixérono de penalti no minuto 62. De novo a instancias do VAR, o colexiado Muresan Muresan pita pena máxima por man de Pablo Martínez. Inicialmente anulara a xogada por fóra de xogo de Joel Roca no inicio da acción. O VAR anulou a posición antirreglamentaria do atacante burgalés e sinalou a infracción do central deportivista.

Óscar Gilsanz dá entrada a Mfulu e Diego Gómez por Jose Ángel, que arrastraba unha amarela desde o minuto 3, e Tošić, co que Mella ocupou o carril zurdo.

O 2-1 fixo dano ao Dépor, que non conseguía chegar á meta de Raúl Fernández.

Egiluz, ao saque de esquina, obrigou a Helton Leite a empregarse a fondo.

O técnico deportivista, en busca do empate, relevou a Petxarroman por Eddahchouri, co que Villares ocupou o lateral dereito.

Diego Gómez puido empatar o partido no minuto 87 nunha transición deportivista. O seu remate márchase lixeiramente desviado.

Noutro contragolpe coruñés, Egiluz agarra na área a Eddahchouri cando ía rematar. O colexiado sinala penalti que transforma Yeremay.

"Quero destacar a capacidade do equipo para pelexar até o final. Cando estás por baixo no marcador aquí en Anduva é moi difícil xerarlle ocasións. Nós tiñamos dificultades pero seguimos insistindo sen ter situacións de perigo. Creou até o final", apuntou o adestrador do Dépor.

O Mirandés tivo a oportunidade de gañar o partido nun remate de cabeza de Butzke que sacou Helton Leite.

Respondeu o Dépor cun disparo de Eddahchouri que atallou sen maiores problemas Raúl Fernández, co que se acabou o encontro.

CD Mirandés: Raúl Fernández, Hugo Rincón, Egiluz, Gorrotxa, Panichelli, Alberto Reina, Tomeo (Postigo, min. 27), Izeta (Butzke, min. 46), Lachuer (Joel Roca, min. 46), Íker Benito (Ander Martín, min. 90) e Víctor Parada 

Deportivo: Helton Leite, Petxarroman (Eddahchouri, min. 75), Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Tošić (Diego Gómez, min. 66), Jose Ángel (Mfulu, min. 66), Villares, Yeremay, Mario Soriano, Mella e Barbero (Cristian Herrera, min. 87)

Árbitro: Sergio Muresan Muresan, do comité valenciano. Amoestou a Jose Ángel (min. 3), Tošić (min. 17), Postigo (min. 41), Mfulu (min. 68), Butzke (min. 75), Hugo Rincón (min. 80), Barbero (min. 82) e Egiluz (min. 89)

Goles: 0-1 Villares (min. 2); 1-1 Joel Roca (min. 53); 2-1 Panichelli, de penalti (min. 62); 2-2 Yeremay, de penalti (min. 90)

Incidencias: partido correspondente á 35ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en Anduva ante 4.602 espectadores, entre eles 300 deportivistas nas bancadas