RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor presenta as súas credenciais cun indiscutible triunfo en Lugo (0-3)

O Dépor presentou a súa candidatura a pelexar polo máis alto cun indiscutible triunfo ante outro dos chamados a estar na parte nobre da clasificación, o CD Lugo recentemente descendido de Segunda División.

O Dépor comezou firme o partido. Aos 8 minutos, Barbero culmina unha boa acción do ataque deportivista, que se conseguía trenzar fútbol na zona de tres cuartos, para anotar de vaselina.

Os máis de 2.000 deportivistas tolearon nas bancadas do Anxo Carro.

Os deportivistas, hoxe de amarelo totalmente, souberon tapar os espazos e Germán Parreño apenas tivo que intervir nos minutos seguintes.

Entre Lucas e Yeremay colleron as rendas do ataque deportivista, sen esquecerse de Davo, moi incisivo en banda dereita.

Aos 24 minutos, o colexiado do encontro, o vasco Daniel Palencia Caballero, anulou un gol a Lucas por fóra de xogo. Foi precisamente Davo quen centrou ao corazón da área pero o dianteiro coruñés estaba lixeiramente adiantado.

O CD Lugo só logrou achegarse con certo perigo en balóns á área ben en saques de esquina ou faltas laterais. A defensa deportivista mostrouse firme. Nunha delas, á media hora, puido empatar o conxunto de Pedro Munitis. Germán Parreño despexa un balón que rebota nas lucense Fontes pero o balón márchase lixeiramente desviado.

Respondeu rápido o Dépor. Aos 33 minutos, Lucas Pérez tivo nas súas botas o segundo tanto, pero o seu disparo sacouno a meta local Lucas.

O primeiro tempo concluíu con dúas boas internadas na área de Yeremay por banda esquerda, resoltas pola defensa do CD Lugo.

Na segunda metade comezou mellor o conxunto local. Ao minuto de xogo, Nacho Quintana rematou alto na área pequena, en posición iso si moi forzada, despois dunha boa xogada que comezou en mediocampo Sabit.

O Dépor, lonxe de encerrarse, seguiu buscando a área rival, como nunha boa saída de balón de Yeremay a Davo, cuxo centro despexa in extremis a zaga do CD Lugo.

No minuto 50 precisamente Yeremay remata en ferro un bo centro de Balenziaga. O porteiro Lucas despexa como pode e o rexeite non chega a ningún dos deportivistas que tamén pisaban área, como Lucas ou Barbero.

O canteirán converteuse nun quebradizo de cabeza para o CD Lugo por banda esquerda.

No minuto 58, Yeremay cae lesionado despois doutra arrancada das súas. Outro canteirán, David Mella, foi a súa substitución.

Os de Pedro Munitis só conseguían achegarse a base das galopadas de Sabit.

No minuto 70, Barbero recibe na frontal da área só pero o seu disparo márchase desviado á esquerda da portería de Lucas.

Imanol Idiakez move o banco e deu entrada a Berto Cayarga e Hugo Rama por Davo e Barbeiro.

O Dépor encarrilou o partido cun golazo de Mella no minuto 76 despois dun gran contragolpe deportivista. O canteirán encarou a Lucas e cruzou o balón lonxe do alcance do gardameta lucense.

Esporeado pola bancada, Lucas a punto estivo de marcar o terceiro, pero o seu disparo despois un gran pase de Hugo Rama sacouno o porteiro do CD Lugo.

Jose Ángel rematou o partido cun disparo aos 80 minutos no segundo pau após unha falta lanzada por Lucas.

A partir de aí a festa foi branquiazul.

CD Lugo: Lucas, Torrado (Carlos Julio, min. 59), Gorka, César Morgado, Javi Vázquez, Sabit (Antonetti, min. 81), Aguza, Víctor Narro (Thiago Ojeda, min. 81), Willy, Nacho Quintana e Adrián Fuentes (Antoñín, min. 46).

RC Deportivo: Germán Parreño, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Balenziaga, Jose Ángel, Diego Villares (Pablo Valcarce, min. 89), Davo (Cayarga, min. 73), Lucas, Yeremay (Mella, min. 59) e Barbero (Hugo Rama, min. 73).

Goles: 0-1 Barbero (min. 8); 0-2 Mella (min. 76); 0-3 Jose Ángel (min. 80).

Árbitro: Daniel Palencia Caballero (c. vasco). Amonestou polo Dépor a Barbero (min. 25) e Jose Ángel (min. 44); e a Aguza (min. 33) e Sabit (min. 74) do CD Lugo.

Incidencias: partido da 2ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no estadio Anxo Carro, prácticamente cheo e con máis de 2.000 deportivistas nas bancadas.

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK

GALERÍA DE ANOSAFORZA