RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Olabe advirte que "temos que espabilar" e Jaime cre que tralo descanso "tivemos media hora moi mala"

Roberto Olabe e Jaime Sánchez pasáronse pola zona mixta do Municipal de Linarejos.

O mediocentro vasco indica que "estamos decepcionados, mal, moi mal". Explica que "saímos como ten que saír un equipo, coas cousas moi claras, querendo gañar o partido. E na segunda parte viuse todo o contrario. Non podemos saír a especular, sufrimos moito defendendo preto da área, temos que facer as cousas que sabemos que nos veñen ben, ser valentes, telo moi claro desde o minuto 0 até o 95".

Na súa opinión, na primeira parte "fomos moi proactivos, plasmamos o que queremos ser e na segunda parte, inconscientemente, démoslles chance a eles que nos atacasen nosa última liña, demos un paso atrás e sufrimos con balóns laterais, defendendo preto da nosa área. Estamos mal porque era unha boa oportunidade, fóra de ABANCA-RIAZOR e facendo unha boa primeira metade".

Con dous partidos por diante para acabar a liga "temos que seguir remando. Isto non se acabou nin moito menos pero é bo a autocrítica, saber que temos que espabilar. Xa non valen escusas. Temos que seguir insistindo no día a día, nas competicións dar o resto e competir até o final todos os encontros".

Pola súa banda, Jaime Sánchez recalca que "nos imos fodidos porque fixemos unha primeira parte espectacular. Mesmo podiamos aumentar un pouco o resultado. E a segunda parte foi un desastre. Tivemos media hora moi mala. Pouco podo dicir. Nin mo creo. Agora a corrixir erros. Hai que mellorar fóra de ABANCA-RIAZOR porque vén un playoff no que hai que xogar fóra tamén. Non nos podemos vir abaixo".

Subliña o central deportivista ante os medios de comunicación que "esa media hora penalizounos moito. Non podo dicir outra cousa".

No entanto, Jaime lembra que "un playoff é fóra e en ABANCA-RIAZOR. En casa somos moi fortes. Fóra estanos custando pero podemos competir. Facernos fortes en casa e fóra tentar mellorar", engade.