Seedorf, protagonista da V Dépor Link Conference: "Mellorar ao xogador, para mellorar ao equipo", o vindeiro martes en INEF
O RC Deportivo e a Universidade da Coruña (UDC), a través da Escola de Adestradores do RCD e da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, continúa co ciclo Dépor Link Conference, na súa segunda temporada, coa celebración da quinta xornada: "Mellorar ao xogador, para mellorar ao equipo".
A partir das 20:30 horas, as instalacións de INEF en Bastiagueiro (Oleiros) acollerán o martes 15 a Dépor Link Conference na que participará o adestrador do RC Deportivo, Clarence Seedorf.
Ademais de gañar a Liga de Campións con tres equipos diferentes e da súa experiencia nos bancos, Seedorf é doutor honoris causa en Humanidades pola universidade Anton de Kom (Surinam) e conta na súa formación cun curso de General Management pola universidade Bocconi (Milán) e varios cursos de psicoloxía aplicada ao deporte e PNL. Tamén foi conferenciante na universidade de Oxford (Inglaterra) e profesor adxunto en Ciencias do Deporte pola universidade católica Sacro Cuore (Milán).
Á conclusión abrirase a quenda de preguntas e o coloquio entre os asistentes a unha xornada aberta e gratuíta á que están convidados os técnicos de fútbol de Galicia, e os estudantes da Escola de Adestradores do RCD e da UDC.
"Novidades en fútbol feminino", con Manu Sánchez e Andrea Seijo, adestrador e fisioterapeuta do Deportivo Abanca, e o Dr. Rafael Arriaza, traumatólogo do RC Deportivo; “O rol do adestrador na motivación dos xogadores", co Dr. Constantino Arce, "Os últimos avances sobre o control da carga no fútbol para axudar a tomar decisións ao adestrador", con Carlos Lago Peñas; e "Comunicación, imaxe e marca no fútbol actual", a cargo do director de comunicación e mercadotecnia do RC Deportivo, Gabriel Barrós, foron as Dépor Link Conference celebradas até o momento.