Sesión adaptada este venres do Dépor porque "onte e antonte os adestramentos foron dunha intensidade moi alta"
Óscar Gilsanz explicou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o corpo técnico viuse obrigado a adaptar o traballo previsto para hoxe venres no campo 3 de Abegondo.
O motivo que esgrimiu o técnico deportivista é que "onte e antonte os adestramentos foron dunha intensidade moi alta. Aí é onde quero ver ao xogador".
Asegura que "os adestramentos desta semana transmítenme que o equipo está nun bo momento, con boas sensacións en canto a confianza, en canto a ambición; pero os xogadores teñen a cautela de saber que hai que ir paso a paso, pensar unicamente no CD Mirandés, en Anduva", en choque previsto para este domingo 13 de abril ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion).
Así, houbo unha activación con rondos e unha tarefa de finalizacións; e algúns dos futbolistas con máis minutos nas pernas, caso de Villares, Mella ou Yeremay, retiráronse aos vestiarios ao finalizar a primeira parte.
Adestráronse á marxe do grupo Gauto e Dani Barcia; ademais de Ximo Navarro, en repouso deportivo.
Escudero traballa co resto dos seus compañeiros condicionado ao seu proceso de recuperación.
En canto a Obrador, Óscar Gilsanz afirmou ante os medios de comunicación que "segue o seu proceso de ir incorporándose, de ir adaptando as sesións. Onte tivo moi boas sensacións. É moi probable que entre hoxe e mañá expoñamos que estea ao 100%. Somos optimistas pero hai que esperar".
Finalmente sobre o central coruñés o adestrador branquiazul apuntou que "Dani é un mozo tranquilo. Salvo ese primeiro momento un pouco duro ao saber que a temporada acaba por unha lesión, coa resignación de sabelo, está a pensar en traballar. Aquí por sorte temos uns profesionais espectaculares para traballar cos futbolistas que están lesionados. Está a traballar para mellorar outras cousas que cando estás a xogar semana após semana son máis difíciles de mellorar".
Mardones e a meta xuvenil Álex foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.
Mañá sábado, o Dépor adianta o seu horario de adestramento. Os Nosos saltarán ao céspede ás 10:00 porque ao concluír, a expedición deportivista viaxará por estrada a Miranda de Ebro.