RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Soriano admite que temos moito que mellorar pero valora o compromiso, o sacrificio que están a facer os xogadores

Fernando Soriano repasou a actualidade do primeiro equipo masculino unha vez finalizada a presentación de Eric Puerto na sala de prensa de Abegondo.

O Director Deportivo do Club admite que "temos moito que mellorar" pero valora "o compromiso, o sacrificio que están a facer os xogadores, a esixencia que está a meter o adestrador. Vexo un equipo unido. Nese sentido dáme confianza o pensar que o rendemento pode ser mellor e que podemos mellorar os números da primeira volta".

Estas foron algunhas das súas frases:

Futuro
"Temos moito que mellorar. Vexo o compromiso, o sacrificio que están a facer os xogadores, a esixencia que está a meter o adestrador, vexo un equipo unido. Nese sentido dáme confianza o pensar que o rendemento pode ser mellor e que podemos mellorar os números da primeira volta".

Mercado de inverno
"Estamos nun momento de mercado no que falar tal vez demasiado pode complicar moitas veces operacións. De forma individual vou tentar non pronunciarme. Por suposto, estamos a tentar mellorar o noso cadro para conseguir un mellor rendemento do que demos na primeira volta".

"Estamos a buscar incorporacións sempre sabendo que é un mercado complicado, que non sempre se pode facer o que un quere e tamén tendo en conta que todo o que se faga vai ser polo ben do equipo buscando a mellora. E se non se consegue, a nosa plena aposta, como estades a ver, en xogadores nosos da casa que están a ter os seus momentos e que están a achegar moitísimo. Nese sentido non dubidamos en que esa aposta vai seguir vixente. Non cambiou a nosa idea. Veremos o que sucede nestes días. Está a traballarse moito. Este mercado é complicado porque non só che tes que pór de acordo co xogador, senón que normalmente teñen contratos co seu club e hai veces que por condicións e por situacións non se poden chegar a acordos; pero imos seguir tentándoo. Queda até o 31 de xaneiro e imos ver que sucede".

"No verán o número de xogadores que tes dispoñibilidade e que seguramente non tes que negociar con ninguén máis é infinitamente máis elevado que o que hai agora mesmo. Iso provócache o estar moi atento e moi pendente, o levar varias operacións á vez, o esperar nalgunhas un pouquiño máis tarde. Son momentos nos que tes que estar constantemente controlando o mercado, diferentes situacións para ver en que momento podes optar por algún xogador e sobre todo sempre pensando na mellora do equipo porque teño claro que non vou arriscar ou non vou traer a alguén que pense que non o podemos atopar aquí. Estamos a ver o rendemento de Mella, de Ochoa cando estivo, de Rubén. Agora Diego témolo lesionado, pero temos a Jairo, xa non vos digo os que están como Yeremay ou Barcia. Seguimos con esa idea firme. E aí estamos a traballar moito tamén en renovacións destes xogadores para que sexan nosos durante moito tempo, mesmo nalgúns que xa están a preparar renovación porque consideramos que son un valor moi importante para nós".

Sen movementos a 17 de xaneiro
"A min encantaríame dicir: 'o 1 de xaneiro detectamos estas carencias, modificamos e está todo feito', pero dentro deste mercado non só depende moitas veces de xogadores, senón tamén doutros clubs. Logo hai un orzamento que hai que cumprir. Non é sinxelo pechar incorporacións e non imos facer situacións de xogadores que teñamos dúbidas sabendo sobre todo que tamén temos a nosa canteira, que o noso Fabril está a demostrar que nos está dando moitas solucións e non queremos pechar portas nese sentido. Queremos tomárnolo coa calma necesaria, pero sabendo que a precipitación non é boa conselleira neste momento. Se tivésemos algo claro e algo disposto o fixésemos e por circunstancias non se puido facer aínda".

Número de chegadas
"Temos a sorte e a vantaxe de contar cunha canteira que nos dá moitas opcións. Dependerá un pouco do mercado, como vaia xurdindo. Neste momento o número de xogadores aos que podes optar é moi limitado, e iso que abrimos o mercado a nivel poderiamos dicir mundial, que non só miras en España, senón que miras tamén fóra de aquí; pero é complicado porque te buscas uns parámetros sempre: xogadores que estean a competir, que a aclimatación sexa rápida... E iso tamén moitas veces dificulta o atopar os perfís necesarios".

Imanol Idiakez
"O que demostramos até agora é a confianza e por suposto que todos, empezando por min o primeiro, son o máximo responsable na parcela deportiva e para nada quero escabullir a miña responsabilidade nin moitísimo menos, todos debemos mellorar. Ese ten que ser o noso propósito: estar todos os días aquí, analizando, vendo, apertándonos entre todos, esixíndonos ao máximo para dar mellor rendemento

"Demostramos a confianza que temos no míster. Superamos situacións difíciles e a confianza podédela ver no que pasou até agora".

Saída de Ian Mackay
"É por unha situación deportiva. O número de licenzas nesta categoría converte en importante o tomar unha serie de decisións. Neste caso o primeiro obxectivo era non perder nivel na portería. Levabamos observando diferentes opcións que poderían darnos o mesmo nivel que neste caso Ian e tomouse esa decisión".

"Non é fácil despedir a ningunha persoa, dicirlle que ten que saír non é sinxelo, e menos a unha persoa tan deportivista e que sabiamos que quería tanto este Club. O que nós falamos con el foi como quería facer a despedida de #ANOSAFORZA, dos compañeiros. Cos compañeiros fíxoo en privado, da afección quixo facelo de forma pública. El decidiu. A miña presenza ou non presenza? Nunca houbo unha mala palabra entre nós pero eu son o que lle ten que dicir 'Ian, tes que saír'. Non creo que fose para ningún agradable e a partir de aí pódovos dicir que o Presidente estivo aquí o día anterior. Veu ex profeso a despedirse de Ian. Non lembro o día seguinte o porqué a súa non asistencia e visto desde fóra sempre as cousas seguramente se poden facer mellor. Non vou mentir. A partir de aí, sei que actuei en prazos avisando a quen tiña que avisar no seu momento e sabendo que non é fácil. A nivel persoal é para min o máis duro que hai. Dicirlle a alguén que non se conta con el é durísimo e aféctache. Non me quero nin imaxinar ao propio xogador, pero a nivel persoal é unha cousa que non é nada sinxela".

"Confiaba moito en Ian. Seguía confiando deportivamente. Non vos pensedes que a saída fóra por un tema deportivo. Para nada. É un tema de licenza e outros temas que sempre se sopesan na situación de tomar ese tipo de decisións, pero que pensabamos que era sempre o mellor para o Dépor, para o club. Sempre se pon na balanza diferentes factores e faiche tomar unha decisión ou outra".

Cris Montes
"As informacións que han ir saíndo non as vou a comentar. É un xogador que pertence ao Eldense, que hei visto que renovou. Iso podo dicir".

Pablo Valcarce
"Está claro que ningún, empezando por min, demos o noso máximo nivel. Todos debemos apertar un pouquiño máis. Non é suficiente co que estamos a facer. E iso require un esforzo maior tanto de Pablo como dos outros 22, 23, 24 se contamos aos mozos do Fabril, como o adestrador, como eu mesmo. De arriba abaixo ou de abaixo a arriba debemos dar moitísimo máis todos porque o rendemento está aí e está claro que non é o adecuado nin o suficiente".

Retuerta
"Falamos con el. Sabe da situación. Está a dar pasos para ver se pode recuperarse e estamos cos médicos vendo diferentes alternativas".