RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Temos moito que dicir aínda", advirte Edu Expósito

Edu Expósito atendeu aos medios de comunicación esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

Valorou o triunfo en Soria o pasado venres ante o CD Numancia como "moi importante para afrontar o que queda".

Do choque en Zaragoza deste sábado 4 de maio (18:00 horas, Movistar Partidazo), Edu cre que "estamos nunha boa liña. É verdade que os primeiros partidos co míster novo non se gañaron, non se viu todo o que estamos a traballar. Pero o outro día (en Soria) xa se viron cousas bastante boas. E agora hai que seguir nesa liña".

Iso si, recalca que "temos que demostralo no campo, non falar aquí ou en ningunha entrevista. Se o equipo sae na mesma mentalidade que o outro día, podémonos levar o partido".

En canto ás posibilidades ascenso, o futbolista branquiazul apunta que "dependemos de nós. Se non gañamos, o que fagan os demais ao final... Temos que gañar e mirar cara nós".

Antes de falar de conseguir tres vitorias consecutivas, Edu lembra que "non podemos conseguir a terceira sen conseguir primeiro a segunda. Agora vén un partido moi complicado e temos que sacalo adiante".

Indica que José Luis Martí "pídenos que teñamos paciencia con balón. Se non vemos as cousas claras, que teñamos o balón o que a teña até buscar a mellor solución para o equipo".

En canto ao rival, un Real Zaragoza cun cadro moi novo, subliña que "van tentar diante da súa xente contra o Dépor facer o mellor partido, gañalo e demostrar á afección. A súa temporada non foi boa porque esperaban estar máis arriba co equipo que teñen. Nós non llo imos a pór fácil".

Do conxunto maño subliña que é un equipo "que domina moitas facetas de xogo. Iñigo é un xogador que ten moita calidade para filtrar eses pases. Arriba ten moita dinamita. Os laterais son moi profundos, teñen moito percorrido".

Situado nos últimos partidos no dobre pivote, o centrocampista canteirán confesa sentirse "moi cómodo. No primeiro partido que xoguei o míster pedíame entrar dentro, aparecer. No dobre pivote pídeme tentar ter o balón e poder dominar".

A nivel mental, convertido nun dos habituais no centro do campo na súa primeira temporada como futbolista do primeiro equipo, conta que "é un ano con experiencias novas para min. Estou a levalo de maneira positiva. Cando entro téntoo facer o mellor posible. Atópome moi cómodo. Son experiencias novas porque veño de abaixo. É verdade que non enlazamos as vitorias que quixésemos para estar a pelexar polo ascenso directo, pero temos moito que dicir aínda".