Un Deportivo con boas sensacións superou (0-2) á SD Compostela de Segunda Federación e adxudicouse o Trofeo do 50 Aniversario do Puebla FC.
Este amigable, integrado na #DéporXiraAugadeParada, disputouse nun repleto campo da Alta, na Pobra do Caramiñal, con maioría de presenza deportivista no recinto.
Sen contar o partido de adestramento do Fabril, o desta tarde foi o cuarto test para Os Nosos nesta pretemporada, segundo desta semana despois do empate sen goles (0-0) do pasado martes no campo de O Vao ante o Coruxo FC.
O partido arrincou con achegamentos dos dous equipos cara á meta rival. O primeiro disparo, aos 6 minutos, foi de Juanpa para o Compos, ao saque dunha falta lateral. Germán bloca o balón sen maiores problemas.
Yeremay foi o protagonista das primeiras accións deportivistas. Precisamente un centro do canario por banda esquerda cabeceouno Villares, hoxe nunha posición máis adiantada, por encima do traveseiro.
Aos 18 minutos chegou unha das ocasións máis claras do partido. Villares habilita en profundidade a Mella, que queda só diante de Borja Rey. O meta santiagués adiviña a intención do dianteiro deportivista e saca o seu disparo raso cruzado. O rexeite chégalle a Lucas, que non é capaz de precisar o seu remate.
Apenas 3 minutos máis tarde, Lucas adianta ao Dépor após un contragolpe de manual resolto cun gran pase ao espazo de Yeremay que o dianteiro coruñés aproveita sorteando a saída do porteiro santiagués.
Os de Imanol Idiakez atoparon un oco no armazón defensivo do Compos. Noutra transición rápida, Mella dispara lixeiramente alto noutra boa oportunidade branquiazul.
Con dúas boas internadas de Mella e Yeremay polas súas bandas; e unha cabezada de Villares nun saque de esquina, todas elas ben taponadas pola defensa santiaguesa chegouse ao descanso.
A segunda parte arrincou co debut de Ximo Navarro, que relevou no centro da zaga a outro debutante, Pablo Vázquez.
Neste inicio, Mella asumiu as tarefas ofensivas cun par de boas internadas por banda esquerda que arrincaron os aplausos da bancada.
Despois dun saque rápido dunha falta que colle de sorpresa ao Compos, Rubén queda só diante de Borja Rey, pero o porteiro, do mesmo xeito que na primeira parte con Mella, acerta a intención do deportivista e logra desviar a pelota. Corría o minuto 55.
Pouco despois, unha gran xogada de Mella na liña de fondo acaba nun pase da morte a Lucas pero o seu disparo vólveo a sacar o meta santiagués. Eran os mellores minutos do Dépor.
O Compos aproveitou un desaxuste cun triplo cambio de Imanol Idiakez e tentouno con Juanpa nun roubo de balón no centro do campo, pero o seu disparo saíu lixeiramente desviado.
O partido entrou nun carrusel de cambios pero ambos os equipos non perderon a cara ao partido e seguiron buscando a porta rival.
No minuto 76, Jose Ángel puido lograr o segundo pero a súa cabezada no segundo pau ao saque dunha falta márchase lixeiramente desviado. Acto seguido, Kevin tamén perdoa diante de Borja Rey.
O Dépor estaba máis preto do segundo e no 79, Davo sentencia o partido. Anotou ao transformar un penalti cometido sobre Barbero.
A última ocasión do partido foi para o Compos, nun lanzamento de falta na frontal da área executada por Pablo Antas ás mans de Germán.
SD Compostela: Borja Rey (Brais, min. 63), Pablo Crespo (Álvaro Casas, min. 35), David Soto (Rubén, min. 63), Juanpa (Kike, min. 63), Jordan Domínguez (Marcelo, min. 63), Parapar (Fer Beltrán, min. 63), Jaime Santos (Pep Caballé, min. 63), Mangana (Pablo Antas, min. 63), De Vicente (Xoel, min. 63), Dani Varela (Martín, min. 63) e Landeira (Hugo Matos, min. 68).
Deportivo: Germán, Marc (Álvaro Santamaría, min. 80), Pablo Martínez (Dani Barcia, min. 70), Pablo Vázquez (Ximo Navarro, min. 46) (Jaime, min. 80), Balenziaga (Retu, min. 60) (Víctor Narro, min. 70), Brais Val (Diego Gómez, min. 46) Villares (José Ángel, min. 60), Jairo (Rubén López, m. 46) (Isi Gómez, min. 80), Mella (Kevin, min. 60), Yeremay (Davo, min. 46) (Kuki Zalazar, min. 80) e Lucas (Barbero, min. 70).
Goles: 0-1 Lucas (min. 22); 0-2 Davo, de penalti (min. 79).
Árbitro: Miguel Ferrol Muñiz, do comité Galego. Amoestou a Brais Val do Dépor e a David Soto do Compos.
Incidencias: cheo no Estadio da Alta, na Pobra do Caramiñal, cunha nutrida representación de #ANOSAFORZA.