RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Un Fabril disposto a "adaptarse ao que te vas a atopar" visita ao UD Llanera nun partido marcado polas dimensións do Estadio Pepe Quimarán

O Fabril visita mañá sábado 12 de abril ás 18:30 ao UD Llanera en partido correspondente á 31ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

Após a vitoria da pasada fin de semana ante o Bergantiños CF, os fabrilistas chegan ao choque en 5ª posición, última praza de play off, con 47 puntos.

Manuel Pablo insiste en que "hai que adaptarse ao que te vas a atopar" en referencia ao Estadio Pepe Quimarán, "un campo moi pequeno, moi estreito, moi curto. Encima o céspede artificial non está nas mellores condicións. É o que hai, o que nos toca".

Espera poder contar con Samu, liberado do primeiro equipo; aínda que "esta fin de semana perdemos a Kevin e a Damián por cartóns. E Alfaro por un problema físico. Imos ter que tirar moito do Xuvenil A tentando prexudicarlle o menos posible".

Pola súa banda, o UD Llanera, que a pasada fin de semana caeu (2-0) en Pasarón ante o Pontevedra CF, é 14º con 32 puntos.

Na primeira volta disputada en Abegondo o pasado 1 de decembro de 2024 (14ª xornada), venceron os fabrilistas por 2-1 con goles de Adrián Guerrero nos minutos 5 e 81.

No seu campo esta temporada os asturianos gañaron á RS Gimnástica de Torrelavega (2-1), Real Valladolid Promesas (1-0), Rayo Cantabria (4-3), Bergantiños CF (1-0) e CD Laredo (2-1); empataron co CD Guijuelo (1-1), Salamanca CF UDS (0-0), Pontevedra CF (0-0), Real Avilés Industrial (1-1), Real Ávila CF (1-1) e SD Compostela (1-1); e perderon contra o Coruxo FC (1-2), CD Numancia (1-4), UP Langreo (0-1) e UM Escobedo (0-2).

O Fabril realizará mañá sábado, día do partido, unha suave sesión en Abegondo antes de partir de viaxe a Asturias.