O Fabril non logrou o seu obxectivo de sumar a súa 3ª vitoria consecutiva ao caer (0-1) en Abegondo ante o UP Langreo. "Non tivemos un bo día ante un rival co que non se pode non ter un bo día", resumiu Óscar Gilsanz na sala de prensa.
Do mesmo xeito que na primeira volta disputada no Novo Ganzábal, decidiu o partido un gol do ex fabrilista Iago Novo, hoxe no minuto 25.
Con este resultado, o filial deportivista queda con 36 puntos na metade da táboa de Segunda Federación.
Volveu Kevin Sánchez após a súa participación coa selección española sub-19 no Mini Torneo Elite de Eslovenia, acompañado polo deportivista David Mella, no que certificou o seu pase á Fase Final do Campionato de Europa.
Despois de adestrar toda a semana co primeiro equipo, tamén estivo dispoñible Martín Ochoa; do mesmo xeito que Rubén López, que mesmo xogou onte os últimos 20 minutos do partido do Dépor na Cidade Deportiva Dani Jarque fronte á UE Cornellà.
Por contra, foron baixa por lesión de David Vilán, e por sanción Diego Gómez.
O UP Langreo empezou o partido "moito mellor que nós", tal e como manifestou o adestrador branquiazul. "Non che permite saír ao partido peor que eles. Tes que saír mellor", engadiu.
Así, a primeira ocasión do partido foi dos asturianos. Serra, aos 8 minutos, métese na área e o seu disparo márchase lixeiramente cruzado após tocar nun defensor branquiazul.
Era o UP Langreo o que creaba máis perigo. Dani Hernández remata fóra por moi pouco aos 22 minutos de xogo despois dunha boa combinación na área fabrilista.
Adiantáronse os visitantes no minuto 25. Puerto cede a Ríos un balón que queda curto, intercepta o pase Luis Sánchez que, ante a saída da meta deportivista cede en bandexa a Iago Novo.
"A partir de aí, xa nos pasou un pouco na ida, un equipo como o UP Langreo é moi difícil. Pecha moi ben os espazos por dentro, danche saída por fóra e son agresivos no un contra un. Tivemos moi poucas opcións de área", sinalou o preparador fabrilista.
Aos poucos o Fabril foi repóndose do golpe e equilibrando o xogo, co que o UP Langreo deixou de merodear a área de Hugo Ríos.
Aos 27 minutos o colexiado do encontro, o rioxano Lázaro Martínez, anulou un gol a Mati Castillo por entender que Kevin Sánchez cometeu falta sobre o defensor asturiano que trataba de evitar a xogada do atacante cántabro do Fabril. "Non afago falar destas xogadas porque desde o banco non se ve moi ben e sempre tratamos de velas ao noso favor", opinou Óscar Gilsanz ante os medios de comunicación.
Nos minutos finais da primeira metade, Álex Pereira non logrou precisar un remate de cabeza após un gran saque de esquina de Marotías.
Con ese 0-1 chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios saíu o Fabril coa intención de crear perigo á meta de Adrián Torre. "Os xogadores fixeron un esforzo importante para tratar de roubar e volver atacar, de que o rival non nos contraatacase", manifestou Óscar Gilsanz pero "non mantivemos ese ritmo nos 90 minutos", indicou.
Non obstante o UP Langreo é un equipo moi dinámico, con moita velocidade arriba. Luis S. xutou no minuto 50 con moita intención desde fóra da área e tivo que despexar con apuros Hugo Ríos.
Pasada a hora de partido, Nájera téntao de lonxe pero o balón vaise moi alto.
Óscar Gilsanz, que reforzara o mediocampo na segunda metade coa entrada de Álex Alfaro, atrasando a Brais Val ao centro da zaga, meteu máis pólvora con Martín Ochoa.
Precisamente o dianteiro rioxano a punto estivo de controlar un bo centro de Marotías ao corazón da área asturiana.
O partido inclinouse para o Fabril, que aos poucos foi embotellando na súa área ao UP Langreo. "Na última media hora pasamos a xogar con 2 dianteiros, a ter máis presenza na área para aproveitar os centros de Marotías, Mardones e Mati Castillo. Coa entrada de Thymos buscabamos esa profundidade por banda que fixese perder metros ao UP Langreo e que defendese preto da súa portería. Tivemos algún achegamento, algunha chegada, algún disparo", subliñou.
No entanto, admitiu Óscar Gilsanz que "nos últimos 10 minutos daba a sensación de que non eramos capaces de ter a fluidez necesaria para chegar á área e xerar situacións de perigo. Os centros que fomos capaces de sacar non foron precisos".
Por conseguinte, as ocasións apenas chegaron, o marcador non sufriu variación e os 3 puntos fóronse para Asturias.
O vindeiro domingo 7 de abril ás 12:00, a Fabril visita ao CD Cayón.
Fabril: Hugo Ríos, Mardones (Barba, min. 83), Puerto (Álex Alfaro, min. 46), Álex Pereira, Marotías, Brais Val, Rubén López (Martín Ochoa, min. 62), Jairo, Nájera, Mati Castillo (Thymos, min. 73) e Kevin (Jorge, min. 83).
UP Langreo: Adrián Torre, Dani H., Gonzalo, Joselu, Serra (Alain, min. 85), Juan López (Pablo, min. 78), Luis S., Iago Novo (Cid, 90+1), David Fernández, Steven (Nané min. 46) e S. Ordóñez.
Goles: 0-1 Iago Novo (min. 25).
Árbitro: Oliver Lázaro Martínez, do comité rioxano. Amoestou a Joselu Guerra (min. 41), Álex Pereira (min. 45), Juan López (min. 47) e Álex Alfaro (min. 72).
Incidencias: partido correspondente á 29ª xornada en Segunda Federación disputado en Abegondo.