Víctor Narro incorpórase ao traballo co grupo de futbolistas que non actuaron de inicio onte
Víctor Narro incorporouse esta mañá aos adestramentos co grupo de futbolistas que onte non actuaron de inicio ante o Linares Deportivo en ABANCA-RIAZOR.
Para estes xogadores, ao que hai que sumar ao fabrilista Brais Val, houbo unha intensa xornada cun quecemento, roda de pases, roldo, unha tarefa de duelos con finalizacións e fútbol en espazo reducido, de alta intensidade.
Completada a sesión con normalidade cunha máscara facial protectora, Víctor Narro queda á espera, iso si, do visto e prace dos Servizos Médicos do RC Deportivo nos próximos días para competir.
Os titulares onte tiveron unha mañá de recuperación física, con carreira continua, estiramentos, ximnasio e fisioterapia.
Están con adestramento individualizado Jaime, Isi e Trilli, supervisado polo readaptador Álex Canosa.
Mañá martes haberá xornada de descanso. O equipo volve aos adestramentos o mércores ás 10:30 para comezar a preparar a seguinte cita ligueira, o domingo 23 de outubro ás 18:00 horas en Valdebebas ante o Real Madrid Castilla, correspondente á 9ª xornada no grupo1º de Primera RFEF (InSports.tv).