Diego Villares e Helton Leite atenderon aos medios na zona mixta de Anduva.
O capitán do Dépor lembrou que "viñamos a un campo no que levaban desde decembro sen deixarse puntos. O equipo pelexou até o final e quédome co traballo de todos".
Cre que "non sabes o criterio que seguen para que unhas veces o VAR si, outras non, unhas mans si, outras non. Todo o mundo está un pouco descoidado e iso aclaralo non estaría mal".
Con 49 puntos na clasificación, Villares pide "antes de nada asegurar canto antes a salvación e a partir de aí veremos o que nos pode dar o que queda".
No entanto, apunta que de cara ao play off, "hai rivais con moi boas dinámicas, con moi bos equipos. Vánnolo a pór difícil".
Pola súa banda, Helton Leite cualificou o partido como "moi duro, contra un bo equipo, nun estadio moi difícil e ao final saímos de aquí con 1 punto".
A meta brasileiro pide "valorar ese punto ante un rival que leva todo vitorias en 2025".
Recalca que os futbolistas do CD Mirandés "son moi intensos. Non están na 3ª ou 4ª posición de casualidade. Teñen bos xogadores. Non é un estadio fácil de xogar e o partido tampouco foi fácil. Entón polo menos sumamos un punto".
Helton Leite asegura estar "a gozar cada momento, cada partido, cada acción, poder xogar o meu fútbol, parar e axudar ao equipo". "Estou feliz, estou contento aquí. É un Club no que me encanta estar, encántame xogar. É un Club moi grande, cunha grandísima afección. Estou moi contento aquí", engadiu.
Sobre o seu futuro, lembra que "teño contrato, entón non estou a pensar en nada diso. Estou feliz, estou a gozar".