Fran Alonso: "Temos confianza no traballo que estamos a facer a diario, confianza no grupo"
Fran Alonso admitiu esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "cando empezamos a traballar xuntos o equipo sufría desa debilidade mental, esa falta de confianza; e partidos que empezaramos moi ben ou iamos gañando ao final concediamos un gol e o equipo baixaba un pouco os brazos. Iso corrixiuse".
Cre que "desde Tenerife o equipo sempre competiu, remontamos varias veces como ante a Real Sociedad. Agora temos unha fortaleza mental. O outro día perdemos 2-0 pero unha das razóns pola que perdemos é por tentar ser moi agresivas. O equipo ten unha mentalidade de ir gañar ou a puntuar en todos os partidos e se hai unha situación desfavorable mañá en ABANCA-RIAZOR ímonos a saber sobrepor a iso".
Asegura o técnico deportivista que "temos confianza no traballo que estamos a facer a diario, confianza no grupo. A última derrota non nos afectou animicamente porque sabiamos que era un campo dificilísimo contra un rival nun estado de forma moi bo. Corriximos problemas que vimos nese partido e agora somos máis fortes porque nos levamos esas leccións".
Ve ao seu equipo "pase o que pase mentalmente forte sobre todo en #ANOSACASA con #ANOSAFORZA. Aí sentímonos sempre fortes independentemente do rival ao que nos enfrontamos".
O preparador branquiazul sostén que "para nós é espectacular poder xogar en casa ante a nosa xente. É certo que o clima non axudou no último partido pero agora temos moi bo clima. O partido é moi importante, cada vez damos un pasiño máis para tentar conseguir ese obxectivo e #ANOSAFORZA é clave. As xogadoras están a desexar xogar o partido e veñan os que veñan sempre nos apoian".
Finalmente do FC Levante Badalona, rival mañá sábado 12 de abril ás 16:30 (Dazn) en ABANCA-RIAZOR, Fran Alonso opina que "é un equipo cun talento incrible, sobre todo en xogadoras de ataque, internacionais españolas. É un equipo con moitísima creatividade, non necesitan xogar ben para sacar puntos ou para crear ocasións de gol. Presionan moi ben e moi alto pero se logras romper esa liña de presión é un equipo ao que lle podes facer dano".
Pide "uns niveis de concentración moi altos para que non che fagan dano. Xogando en ABANCA-RIAZOR ante #ANOSAFORZA espero que teñamos ese plus para poder superar as habilidades do rival e conseguir os 3 puntos".