RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Montaña rusa do Fabril: primeiro gol aos 10 minutos do UD Llanera, expulsión de Carreira no 70, remontada branquiazul en dous minutos e igualada de penalti no 86

O Fabril viviu esta tarde unha auténtica montaña rusa na súa visita ao UD Llanera no Estadio Pepe Quimarán de Posada de Llanera nun partido tolo que acabou en empate a 2.

Adiantáronse os locais aos 10 minutos. Carreira foi expulsado no minuto 70. Remontaron os fabrilistas en dous minutos con goles de Darío Germil e Bil. E igualaron os asturianos desde o punto de penalti no minuto 86.

Con este resultado, o filial deportivista mantén a 5ª posición con 47 puntos por 45 agora do UP Langreo, 6º.

Foron baixa neste encontro os lesionados Pablo García, Noé e Alfaro; ademais dos sancionados Kevin e Damián Canedo, dous dos habituais no once inicial branquiazul.

Por contra, Manuel Pablo si puido contar con Samu, que se adestrou boa parte da semana co primeiro equipo.

Os asturianos, que se xogan a permanencia, atopáronse cun gol de fortuna aos 10 minutos. Arellano xuta a portería, o balón pega nun defensor fabrilista e Tito, moi atento, bate a Hugo Ríos.

Tratou de responder o filial cun disparo de Darío Germil, substituto de Kevin, demasiado alto.

O tanto local fixo que o UD Llanera apertase aínda máis en busca do segundo, circunstancia que evitou Hugo Ríos cun par de boas intervencións.

Bil puido igualar após unha cabezada que se marchou rozando o traveseiro.

Con 1-0 a favor dos asturianos concluíu o primeiro tempo.

Após o paso polos vestiarios, Manuel Pablo relevou na sala de máquinas a Carreira por Kike Fernández.

O partido púxose aínda máis costa arriba para os fabrilistas no minuto 71 pola expulsión do propio Carreira por vermella directa.

Pero os branquiazuis tiraron de caste e lograron a remontada en dúas poutadas de Darío Germil, de cabeza a centro de Manu Ferreiro (min. 72); e de Bil (min. 74), ao aproveitar un erro defensivo local.

Tocaba defenderse cun futbolista menos no campo máis estreito e máis pequeno da categoría ante un rival xogándose a vida.

E ao Fabril faltáronlle 5 minutos porque o UD Llanera logrou igualar grazas a un penalti cometido por Marotías e transformado por Tito.

O vindeiro sábado 19 de abril ás 17:00 (YouTube RC Deportivo), o Fabril recibe ao Salamanca CF UDS en Abegondo.

UDLlanera : Berto Hórreo, Otia, Arellano, Álex Barreta, Rene, Tito, Vity, Donate, Leyder, Mathieu e Rossi

Fabril: Hugo Ríos, Guerrero, Samu, Marotías, Íker Vidal, Kike Fernández (Carreira, min. 46), Jaime Garrido, Mane (Fabi, min. 75), Luisao, Darío Germil e Bil (Mario Hermo, min. 75)

Árbitro: Sergio Fontecha Vázquez, do comité vasco. Expulsou con vermella directa a Carreira no minuto 70.

Goles: 1-0 Tito (min. 10); 1-1 Darío Germil (min. 72); 1-2 Bil (min. 74); 2-2 Tito (min. 86)

Incidencias: partido correspondente á 31ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado no Estadio Pepe Quimarán de Posada de Llanera