RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor visita mañá sábado na Malata ao Racing de Ferrol nun partido "especial"

O Dépor visita mañá sábado 29 de marzo ás 16:15 (LaLiga TV Hypermotion) ao Racing de Ferrol, en partido correspondente á 33ª xornada en LaLiga Hypermotion.

Óscar Gilsanz cualifica ao partido de "especial porque é en Ferrol, temos menos de 45 minutos desde casa para que a xente póidase desprazar, hai moita xente en Ferrol que é deportivista e visitamos a súa casa".

Os resultados da última xornada, co empate en ABANCA-RIAZOR ante o FC Cartagena, deixaron a Os Nosos en 14ª posición con 42 puntos.

Son baixa o lesionados Escudero, Jaime, Gauto, Obrador e Ximo Navarro, este en repouso deportivo.

O técnico deportivista admite que "tivemos algún xogador que estivemos a coidar durante a semana porque acabou con algunha molestia o partido anterior pero trataremos de que cheguen todos".

Preguntado por Obrador, aclara que "está a traballar co readaptador e esperamos que se incorpore para a semana"; e de Ximo Navarro afirma que "os prazos van ás 6 semanas pero veremos a ver como evoluciona. Esperemos contar con el nalgún dos partidos da temporada".

Os Nosos realizaron esta mañá unha última sesión de traballo nos campos 2 e 3 da Cidade Deportiva consistente nunha activación con xogos e un roldo; e un repaso ao plan de partido e accións a balón parado.

Álex Marqués, Samu, Mardones e Hugo Torres (24 de abril de 2006, Santiago de Compostela) foron os representantes de ANOSACANTEIRA. No caso deste último é a primeira vez que se adestra co primeiro equipo. Lateral zurdo do Xuvenil A (na foto principal da  noticia), chegou a ANOSACANTEIRA na temporada 2025-16 ao Benxamín A.

Pola súa banda, o Racing de Ferrol, que a pasada fin de semana caeu (2-0) en Málaga, é 21º con 23 puntos.

No partido da primeira volta disputado en ABANCA-RIAZOR o pasado 1 de setembro de 2024 (3ª xornada), gañou o Dépor (1-0) con gol de Yeremay aos 55 minutos de xogo.

Na Malata esta liga o Racing de Ferrol gañou ao Elche CF (1-0); empatou co Málaga CF (2-2), CD Mirandés (0-0), SD Huesca (0-0), CD Tenerife (1-1), Levante UD (0-0), FC Cartagena (0-0) e SD Eibar (0-0); e perdeu co Granada CF (0-1), Albacete Balompié (1-4), Real Racing Club (1-2), Real Oviedo (1-5), UD Almería (1-4), Burgos CF (0-1), CD Castellón (1-3) e Córdoba CF (0-1).   

Yoel Rodríguez pediu afrontar o partido "con ilusión, con ganas. Non hai nada máis bonito que xogar un derbi. Temos o partido en casa, cos nosos; e entre todos temos que sacalo adiante".

Admite que a afección racinguista "está a esperar este partido toda a temporada. Os que estamos no vestiario sabemos a importancia do partido, que é o partido do ano aquí en casa e esperemos poder saír coa cabeza alta e contento".

Finalizado o encontro, Os Nosos adéstranse o domingo 30 de marzo ás 11:00 en Abegondo.