RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Óscar Gilsanz ve un Dépor "moi ilusionado, moi motivado, crendo no que fai para chegar mañá e ser capaces de gañar"

Óscar Gilsanz asegurou en rolda de prensa en Abegondo que mañá sábado 29 de marzo ás 16:15 (LaLiga TV Hypermotion) na Malata contra o Racing de Ferrol o Dépor ten "un reto importante de ser capaces de gañar e de facer un gol na Malata que nos últimos 3 partidos alí foron dous 0-0 e un 1-0".

Recalca que o conxunto branquiazul está "moi ilusionado, moi motivado, crendo no que fai para chegar mañá e ser capaces de gañar; sabendo que vai ser moi complicado".

Nesta liña, o adestrador deportivista aprecia un Dépor "sólido, que se está estabilizando. Cada semana buscamos gañar os 3 puntos. Moitas veces buscando eses 3 puntos só consegues empatar pero que o equipo senta forte, equilibrado e estable na maneira de competir é satisfactorio e transmítenos esa ilusión de seguir sendo cada vez mellores".

No entanto, advirte que "ninguén se pode fiar de calquera rival. Do Racing de Ferrol tampouco. Estiven na Malata varios partidos. Sen ir máis lonxe o último partido o Burgos CF gaña por un penalti por unha man. Logo hai outra na segunda parte que non lle dan o penalti ao Racing. Foi un partido extremadamente igualado onde tivo case máis ocasións o Racing". 

Ve ao conxunto ferrolán como un equipo "que tenta ser moi sólido por dentro, con poucas vías de entrada, difícil de progresar por dentro, con ese 4-4-2 que está a utilizar ultimamente. Cando ten o balón busca esa profundidade rápida con xogadores con velocidade por fóra e con 2 dianteiros, tanto Jauregui como Giménez, con experiencia na categoría e bos rematadores neses centros laterais sobre todo desde banda esquerda con Hebert. É un equipo que ten armas para facer gol, para facer dano aos rivais. O que pasa é que a liga é moi dura e cando vaiche colocando nunha situación mala na clasificación vas encaixando moitos golpes e vanche afectando. O Racing ten moito mellor equipo do que pode parecer se miramos a clasificación".