RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Paris Adot, novo xogador do Dépor 2023-24

Paris Alejandro Adot Barandiaran (Pamplona, Navarra, 26 de febreiro de 1990) é a primeira fichaxe do Dépor 2023-24, co que asinou para os dous próximos cursos.

Paris Adot é un lateral dereito que as últimas 4 temporadas xogou na categoría de prata nacional, campañas nas que acumulou 129 aparicións, 3 goles e ningunha expulsión.

Formado na canteira do SD Lagunak, da localidade navarra de Barañáin, moi preto de Pamplona, en 2010 fichou polo Cádiz CF para xogar co seu filial en Terceira División. Despois dun ano en Andalucía, regresou á súa terra para xogar, tamén no cuarto chanzo do fútbol nacional, co UD Mutilvera (2011-12). Ao curso seguinte deu o salto a Segunda B co CD Izarra. A súa boa temporada, pese ao descenso do equipo, valeulle un oco no filial do CA Osasuna, co que xogou en Terceira División na temporada 2013-14, antes de regresar ao equipo da localidade de Estella.

Despois dunha campaña 2015-16 nas filas do CD Tudelano, Paris Adot incorporouse ao comezo do curso 2016-17 ao Real Murcia CF, que abandonou no mercado de inverno para fichar polo CE Sabadell FC. No verán de 2017 asinou polo CD Mirandés. Na súa primeira campaña no conxunto burgalés logrou o título do grupo II de Segunda B pero caeu na semifinal do playoff de ascenso ante o Extremadura UD. No seu segundo curso, baixo a batuta do ex técnico deportivista Borja Jiménez, o CD Mirandés foi terceiro pero logrou o ascenso ao superar no playoff a Atlético de Madrid B, Recreativo de Huelva e Atlético Baleares.

No seu paso pola Segunda División B, o defensa navarro sumou 177 partidos, 12 tantos e ningún cartón vermello.

Ao comezo do curso 2019-20, Paris Adot fichou polo AD Alcorcón, co que xogou a primeira das súas 4 temporadas en Segunda División. As outras 3 foron na SD Ponferradina, club ao que se incorporou no curso 2020-21 e ao que pertenceu até hoxe.